Opinión

'Fast Fashion'

A Terra está en perigo. A vida na Terra está sufrindo procesos acelerados de degradación do que o quecemento global é o máis grave. As decisións máis importantes para preservar o ambiente dependen dos gobernos e cómpre esixir medidas sobre a produción de enerxía, a sustentabilidade do transporte ou a preservación dos ecosistemas, de terra e mar.

Mais as persoas tamén temos nas nosas mans parte da responsabilidade e podemos realizar accións en favor do ambiente. Entre elas están utilizar transportes públicos –e esixilos– ou reducir o consumo de carne. Nestas semanas, transitando da vertixe consumista de Nadal ás rebaixas, reflexiono sobre a moda e o impacto ambiental e social da moda rápida ou fast fashion. Consiste en producir enormes cantidades de roupa, cambiar a "moda" até 20 veces ao ano –no canto das tradicionais primavera-verán e outono-inverno– inducindo un proceso continuo de mercar, usar pouco, descartar e mercar de novo. Posíbel polo baixo "custo" ao que é producida, en países do Sur global onde se pagan salarios miserábeis e as traballadoras sofren xornadas de 14 ou 16 horas en condicións insalubres. 

Os danos ambientais da fabricación masiva de roupa e calzado son enormes. A industria téxtil xera un 10% dos gases de efecto invernadoiro. Estímase que a produción de cada kg de téxtil utiliza 20 kg de auga, un recurso cada vez máis escaso, ademais da contaminación da auga durante o proceso. A metade das fibras utilizadas corresponde ao poliéster, derivado do petróleo. E a tendencia a "usar e tirar" produce literalmente montes de roupa case nova ou mesmo non vendida, o 22% do lixo mixto do mundo, que acaban, oh sorpresa, no Sur global.

Que podemos facer? Fronte á moda rápida, moda lenta. Mercar menos, só o necesario, ignorando os cambios de moda. Mercar de segunda man. Utilizar máis tempo. Non mercar roupa que vén da explotación das traballadoras.

Comentarios