Opinión

Facer política

Hai anos Damián Villalaín, daquela subdirector de Galaxia, encargoume un conto infantil para unha colección que se publicaba nas seis linguas do Estado, incluíndo as de Asturias e Aragón. Cando entreguei Lapadoiras, Sacaúntos e Cocón, unha das editoriais protestoulle á galega porque era un texto “demasiado literario”. Lembrei esta historia ao ler en twitter un chío de Olalla Rodil sobre as críticas da conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, á deputada do PSdG Paloma López Castro –que a interpelaba sobre a xestión dos residuos– acusándoa de vir ao Parlamento galego “a facer política”, o que Vázquez considera “lamentable”. Cualificar de “políticas” as intervencións da oposición non é unha novidade; Francisco Conde adoita facelo cando Ana Pontón ou outras deputadas do BNG interpelan ao goberno, do que é vicepresidente, sobre a instalación de muíños eólicos. Ese mesmo día, Miguel Ángel Escotet, reitor da UIE, primeira universidade privada en Galicia –aprobada polo goberno galego malia o informe negativo do Consello Económico e Social, órgano consultivo da propia Xunta–, laiábase das críticas dos reitores que, segundo Escotet, teñen carácter político.

Nestas consideracións resoa o consello que Franco lle dera a Alonso Fueyo, daquela director do diario Arriba: “Haga como yo, no se meta en política”. As ideas tras estes reproches son, por unha banda que unicamente a dereita ten lexitimidade para facer política, ou outra aínda máis perigosa, que a política é algo intrinsecamente malo, negativo, e que estes gobernantes o único que fan é levar a cabo unha xestión de modo totalmente neutral. Isto quere facer pasar por “xestión” gobernar a favor de determinados intereses empresariais, ou transvasar recursos da sanidade pública á privada. Non é facer política? Pretender que no goberno dos asuntos públicos non hai intereses encontrados, que beneficios para uns non supoñen prexuízos para outros é unha falacia.

Correspóndelles a escritoras e escritores escribir textos literarios, aos músicos crear música, e parece acaído para as parlamentarias e parlamentarios faceren política. Non só no Parlamento, a cidadanía tamén temos dereito a facer política. Fixeron política a veciñanza de Verín e as médicas que coas súas mobilizacións lograron que non se pechase o paritorio; faina a Asociación Pola Defensa da Ría para botar ENCE fóra de Pontevedra. Por fortuna hai quen fai política.

Comentarios