Opinión

Escribir o futuro

Gañou o futuro. Perderon os que querían devolvernos aos tempos máis tenebrosos. Queda por diante un camiño difícil mais entre todas e todos devolvémonos a esperanza a nós mesmas. Galicia é de esquerdas. Repetireino, porque hai un retrouso circulando que representa Galicia como un reduto da dereita: O conxunto das esquerdas acadou o 23 de xullo máis votos que a dereita. A suma de PSdeG –479 355–, Sumar –175 813– e BNG –152 327– son 807.495 votos, superando en máis de 100.000 os do PP, 699 513, incluso se engadimos a estes os 77.014 da dereita extrema. 

Gañou o futuro malia as incontábeis mentiras de Feijoo, a ocultación dos bos datos económicos, dos resultados da reforma laboral en emprego, aumento de contratos indefinidos, diminución do paro. Gañou o futuro malia as manipulacións da prensa e dos medios regados –en parte con cartos de Galicia– polo PP, malia manter a CRTVG amordazada, como nos lembran venres negro tras venres negro as súas traballadoras e traballadores.

Mirando cara ao futuro, imos comezar a escribir un relato que sexa unha imaxe máis fiel do país: a esquerda pode gañar as eleccións autonómicas. A palabra clave é unidade. Da campaña do 23-X podemos aprender o modo en que Yolanda Díaz e Pedro Sánchez se presentaron nos debates como un equipo, facendo valer os éxitos do goberno de coalición. Socialistas, Sumar e o BNG teñen moito máis en común nos seus programas que diferenzas, que as hai: obxectivos para mellorar as vidas da xente, feminismo, igualdade, defensa da lingua e a cultura galegas, memoria democrática, medidas para frear o quecemento global. 

Farán ben en iniciar os pasos para visualizar que a única forma de gañar Galicia para a esquerda é a unidade. Faría ben o PSdeG en entrar no goberno de Compostela, no canto de imitar as críticas do PP. Faría ben o exército das RRSS en non fustrigar aliados. O futuro non está escrito: escribámolo.

Comentarios