Opinión

Comadres

Comadres.

Compaña e todas as súas declinacións, compañeira, acompañamento. Escoitan, escoitan. Terman da nosa man. Acóllennos na aperta no intre de chorar, rin connosco nos días felices. Atenden nas urxencias de expresar dúbidas en alta voz. Tecen redes, calcetan con fíos de la e coas febras impalpábeis da solidariedade. Cantan ao cantarmos, danzan baixo a chuvia. Tenden pontes de madeira sobre os regos ou fan do seu corpo unha ponte. Posúen a ollada crítica para sinalar o que facemos mal e como poderiamos melloralo. Apoian a obra ben feita, da calceta á escrita, da pintura ao guiso, fronte á opinión do mundo, fronte á inseguridade propia. 

Comadres: amizade, veciñanza, cariño. Achegada a sororidade, porén máis nosa. Refuta a idea dos vínculos de amizade seren patrimonio masculino. Son as mulleres que asistían nos partos, as que se xuntaban na esfollada, as que se axudaban e se axudan reciprocamente constituíndo unha roga, as que parolaban no lavadoiro devolvendo a brancura ao branco, malia as frieiras nas mans.

Comadres socorrendo os doentes, auxiliando a quen pasa fame, aloumiñando unha criatura. Bailando xuntas o Xoves de Comadres sen coidarse do orballo, batendo tambores e pandeiros, petando con pedras na gadaña no folión. Amasando e cocendo pan, o mellor arrecendo do mundo. Sachando, sementando, afundindo as mans na terra para tirar as patacas novas. Facendo visíbeis as invisíbeis. Acollendo as refuxiadas. Saíndo á rúa para lembrar as mulleres asasinadas. Comadre, a amiga en quen confiamos.

Comadre, por votación popular, Palabra do Ano 2022, sucedendo a tanxugueiras e nós. Rebordando un significado feminista, que a academia deberá incorporar ao dicionario. Viva na fala, é a primeira Palabra do Ano que revela a ollada do feminismo, o modo en que está cambiar o mundo, a nosa forma de estar nel, a nosa forma de interpretalo e interpretarnos. Sendo difíciles os camiños da vida, é máis levadío percorrelos da man das comadres. 

Comadres das Letras, grazas! Eva Teijeiro, Carmen Villar, amigas todas. A palabra xorde da vosa experiencia no obradoiro de literatura e resoa na cabeza e no corazón da xente, mulleres e homes, que a fixeron súa. Estaba aí, mais non a viamos até vós tirala da escuridade.

O que parecía empresa ardua, idea tola, converteuse en realidade. As redes sociais son tamén tecidas con ideas e emocións, e nas redes “comadre” prendeu como o lume na lareira. Comadres.

Comentarios