Opinión

Coitado xabarín

Todos contra o xabarín! Do que deberían estar en contra é do eucalipto.

Os xabaríns causan perdas anuais de 18 millóns de euros, un xabarín ataca un home en Fornelos, provocan accidentes de tráfico até ao presidente da deputación de Lugo –mesmo mortes, e ante elas só cabe a solidariedade coas familias–. O 15 de setembro a Xunta declarou a emerxencia cinexética e autorizou a súa caza sen límites en 248 concellos.

Os problemas teñen causas, ás veces múltiples, e ante eles hai que procurar solucións, ás veces complexas. Debo a Bruno Vilela as liñas desta análise. Recoñezo unha relación afectiva co xabarín: de nena, no monte do Pardo, seguía co meu pai as súas pegadas até as charcas nas que bebía, esperando velo. Cómpre interrogarse polas causas, e no caso do xabarín, como calquera animal do monte ou planta ventureira, pensar en termos de ecosistemas. Que come o porco bravo? Sobre todo vexetais, landras, castañas, tubérculos e raíces que desenterra, trufas e outros cogomelos, millo, froitas. Tamén caracois, insectos ou miñocas.

No monte do Pardo da miña infancia con aciñeiras e xaras, nas carballeiras galegas, encontra comida abondo. Mais baixo o eucalipto o coitado xabarín non encontra que comer. E quen o come a el? O lobo. O país inzado de eucaliptos, o despoboamento do rural, o control dos lobos, todo se combina para que o xabarín teña que procurar mantenza fóra do monte, achegarse ás vilas, mesmo fozar entre o lixo, cruzar as estradas.

A solución non é cazalos a eito. É unha medida simplista e ineficaz, segundo distintos estudos en Francia, Suecia, Alemaña: ante a presión as femias maduran sexualmente antes e teñen máis rellos. É precisa unha estratexia a medio prazo: deixar de plantar eucaliptos, recuperar as árbores autóctonas, manter as poboacións de lobos. En resumo, o equilibrio dos ecosistemas, nos que as intervencións humanas raramente amañan algo.

Comentarios