Opinión

O cerebro dos homes

E será que o cerebro dos homes –dos varóns– é distinto? Entendan isto como brincadeira, retranca. Mais substitúan un sexo por outro e lerán preguntas repetidas unha e outra vez. Malia a resposta ser negativa: non hai ningún estudo que mostre diferenzas entre os cerebros, a intelixencia, de mulleres e varóns. Hai máis diferenzas dentro de cada sexo que entre ambos.

A noticia é a decisión da Ruta Quetzal de mudar o criterio de selección de "notas medias máis altas" a notas máis baixas para os rapaces. En Galicia a das expedicionarias é 9,76 e a deles 9,45. Seica, sen o cambio, só participarían 26 mozos fronte a 174 mozas; con el chegan a 63. A organización é, por suposto, libre de establecer os seus criterios, porén:

Un: compróbase que, cando nun contexto hai menos varóns que mulleres, considéranse necesarias medidas para "garantir proporcións adecuadas". Se non hai mulleres ou hai poucas, contémplase como "normal".

Dous: apélase decote ao mérito, á capacidade. Seica este argumento só é válido se o número de mulleres é escaso.

Tres: isto non é discriminación positiva, non son accións dirixidas ás desigualdades estruturais que exclúen as mulleres. Non hai estruturas sociais que discriminen os varóns nin teñen menos oportunidades.

Catro: o efecto é unha discriminación das rapazas inicialmente seleccionadas, 37 mozas con mellores notas, desprazadas por mozos con notas máis baixas.

E se non hai diferenzas en intelixencia, por que elas teñen mellores notas? Sendo unha cuestión complexa, na que inciden moitos factores, a miña hipótese é que a educación, a socialización, é diferente, mesmo en familias que procuran a igualdade. Edúcase ás nenas para seren máis disciplinadas, en tanto que aos nenos se lles permite seren máis trouleiros, máis langráns. O camiño, pois, é mudar as representacións sociais do masculino e a masculinidade. Difícil, mais non imposíbel.

Comentarios