Opinión

Beiramar e serpes

Xohana Torres é a nosa guieira. No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega invoca os ritos de Santo André de Teixido: "recolleremos do chan a herba armeria, evitaremos a serpe que mora baixo a laxe, botaremos migallas de pan á auga, panem in fonte mittere, que prohibe o Dumiense, beberemos no rebordo da pedra, pois beber onde outros beberon franquea a porta de todos os secretos". Se Teixido respondeu a esta invocación esboroándose en parte é para nos advertir de que o desleixo con que é tratada a costa só pode levar a desfeitas. No areal de Augas Santas e Carricelas desprendéronse rochas en varias ocasións, chegando a morrer unha visitante en 2018. Anos antes, o primeiro que desprenderon foi o nome alcumándoa "praia das Catedrais".

Digo a beiramar é nosa, do pobo, paisaxe, recurso, beleza, territorio. Invocaremos as serpes todas que moran baixo as laxes para impedir que a costa galega se converta nunha sucesión de hoteis. Trescentos hoteis pretende autorizar a Xunta no seu anteproxecto da Lei de Ordenación do Litoral. Trescentos en mil cincocentos quilómetros de costa galega significa un hotel cada cinco quilómetros. Agardando polas serpes, asociacións ecoloxistas, partidos e organizacións pesqueiras presentaron case un cento de alegacións. Para os tramos onde non é posíbel construír hoteis talvez a Xunta proxecte instalacións que estraguen as augas e a paisaxe, como a piscifactoría no Cabo Touriñán nun espazo da Rede Natura, que a conselleira do Mar propón recuperar, malia ser ilegal segundo a normativa europea. Son necesarias industrias que engadan valor aos recursos pesqueiros, mais non ao prezo de sacrificar mar, ambiente e territorio. Como se pode pór en perigo a ría de Noia coas verteduras da mina de San Finx? Invocamos as serpes de Santo André, mais é cuestión nosa coidar da beiramar, impedir que desapareza baixo cemento e cobiza.

Comentarios