Opinión

Barbarie

Se Elías Ahúja escoitase desde a súa tumba en Nova York os exabruptos proferidos polos habitantes da gorida que leva o seu nome, imaxino que se levantaría e cruzaría o Atlántico para borralo coas súas propias mans. Pois este home conservador e monárquico, que fuxiu de España en 1937 ao ser acusado de masón, foi un filántropo que a comezos do século XX dedicou a súa fortuna a construír hospitais, comedores e escolas en Andalucía, e a financiar os estudos de mozos de Cádiz, onde nacera.

Seica os frémitos machistas forman parte dun rito iniciático ou novatada, e algúns, incluíndo alumnas do colexio de Santa Mónica, descríbeno así como brincadeira ou novatada, para quitarlle ferro. Considero as novatadas, todas, como un acto de barbarie. Algunhas son actos crueis de menor intensidade, outras levan á morte do iniciado e isto non é esaxeración literaria: un exemplo é o alto número de mortes nos Estados Unidos –onde son chamadas hazing– desde o século XVI ao XXI, malia as moitas normas que as prohiben. Nesta crítica concordo con Platón, que xa as reprobou no seu tempo. Diría que na súa orixe hai unha mestura de clasismo, machismo e arrogancia, que encontraron un bo caldo de cultivo nas academias militares, onde se deron algúns dos casos máis notorios. A necesidade de se sentir superior, de dominar e humillar a alguén, simplemente porque é estudante do primeiro ano, ou muller, é un impulso sádico. Resístome a utilizar adxectivos ou metáforas que comparen estes bárbaros con animais, porque os animais, por exemplo os lobos, non humillan os débiles. Eles si, nun discurso ben estudado desde o feminismo, animalizan as mulleres, falando de "tobos" e "coellas". Arrepía escoitar que neste colexio maior é onde se forman as "elites", ler o artigo que publicou na súa revista Pablo Casado, que residiu nel. Cócense nunha cultura –se podemos chamala así– na que os homes son uns incontrolados que só pensan no sexo, e as mulleres teñen que estar á súa disposición, e non amoucarse ao ser insultadas. Arriba imaxinaba a vergoña que sentiría Ahúja; non menor sería a de agostiños como Gregor Mendel ou Frei Luís de León. Chamar "puta" a unha rapaza non é unha forma de cortexo, relacionar os canivetes –unha experiencia gozosa cando é por acordo– coa crueldade dunha capea é indicio de brutalidade. E non desculpemos estas atrocidades apelando á tradición. As mulleres non temos nada que agradecerlle ás tradicións.

Comentarios