Opinión

Unha ducia máis un

Temos novo Goberno da Xunta, oito homes e cinco mulleres para dirixir este país. Xa vedes, nin 40% deste executivo son mulleres. Coma sempre, "escóllense os mellores", e claro, eles sempre son máis listos, onde vai parar! 

Semella un gabinete que cheira a continuísmo, a máis do mesmo, ao de sempre. Se é así é moi mala nova porque o pasado gobernado polo Partido Popular foi nefasto para este país. Ten cousas que nos gustan, haberá, non era sen tempo, Consellaría de Cultura e Lingua. É para aplaudir esa iniciativa, mais logo escóllese para dirixila un home que non semella ter relación ningunha con ese ámbito. Claro que, no seu día e aí segue, o PP puxo a dirixir a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) a un que o seu currículo era ser xerente nunha empresa de construción. Toda unha declaración de intencións. 

Se esa nova Consellaría leva lingua na súa denominación e de verdade quere maior peso para política lingüística no novo goberno ten fácil, señor Presidente, que o vexamos e o aplaudamos: canto antes, derrogue o Decreto 79/2010, contra a lingua galega. 

Se a cultura é a expresión máis visíbel do que somos e de como entendemos o mundo,  a lingua é o noso maior valor, o principal sinal de identidade, un dereito irrenunciable, individual si, mais sobre todo, un dereito colectivo do pobo galego.

Moitas estamos nas antípodas de pensar, referido ao novo goberno, de que "canto peor mellor", por iso nos gustaría que esta nova consellaría/este (novo?) Goberno apostase por unha Galiza aberta ao mundo para amosar a nosa riqueza: a nosa lingua, nosa cultura, os nosos sinais de identidade. Como dixo Luís Seoane: "As diferenzas culturais enriquecen a humanidade. Nós queremos axudar a enriquecer o mundo coa nosa diferenza".

E para rematar esta columna, que parece unha carta aos reis magos, só un último desexo: liberen a CRTVG do control e a propaganda partidista. As profesionais que alí traballan e Galiza enteira merecemos (e precisamos) outros medios públicos de comunicación.

Comentarios