Opinión

Non esperar a mañá

Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

Hai 141 anos, en 1881, chegaba a Ourense a primeira locomotora que foi saudada como o Cristo dos tempos modernos. Por onde ela pasa / fecunda os terreos, / espértanse os homes, / frolecen os eidos...  dicía o poeta Manuel Curros Enríquez. 

Hoxe reivindícase o ferrocarril como o medio de transporte máis económico e ecolóxico. Mais en Galiza desde sempre entendemos que os camiños de ferro significaban progreso, por iso foi acollida por toda a poboación con tanto balbordo a chegada dese primeiro tren a Ourense. 

50 anos despois, outro episodio importante da nosa historia, a proclamación da I República Galega, tamén estivo vinculada ao tren. Era xuño de 1931 cando o Consello de Ministros acordaba a suspensión definitiva da construción do camiño de ferro entre Zamora e A Coruña. Logo de saber das intencións do goberno español de paralizar esa obra e o despedimento de doce mil traballadores comeza unha folga histórica, e na madrugada do 25 de xuño de 1931 unha multitude ocupa a Casa do Concello de Ourense. Alí mesmo erguen unha bandeira de Galiza e proclámase publicamente a República Galega. Marchan logo os folguistas ao Goberno Civil onde rompen a bandeira da república española e izan a bandeira galega.

A las ocho de la noche estaba reunido numeroso público ante el Gobierno civil, aguardando la solución del problema que interesa a Galicia […] Agregó que había tenido dos conferencias con Largo Caballero, otras dos con Casares Quiroga y una más con el ministro de la Gobernación, los cuales estaban animados de buenos deseos, pero faltaba la parte contratante que se hallaba en los Pirineos y que debía llegar a Madrid.

Dijo luego unas palabras relacionadas con la fórmula de arreglo y manifestó que mañana, probablemente, se conocerá la solución.

El público, en cuanto escuchó "mañana", prorrumpió en un "¡no!" atronador, que ahogó las palabras del gobernador civil. […]

Ese descontento polo que a todas luces era unha discriminación logra o apoio dos Concellos, das Deputacións, provoca ducias de dimisións e un pobo enteiro levantado. En Compostela hai un mitin multitudinario e un dos intervintes diríxese aos concentrados e exclama: "Galicia demuestra bien a las claras que está en pie, en abierta revolución para recabar su libertad, su autonomía y su independencia absoluta". A presión social foi tal que o goberno español viuse obrigado a recuar e continuar coas obras do ferrocarril.

90 anos despois aquí seguimos penalizadas por ser galegas. 

Pódese viaxar gratis nos trens de proximidade? Moi ben. Excelente idea, mais nós non temos trens de proximidade. 

Hai un par de anos a ADIF publicitara que ía poñer wifi nos trens de proximidade. Xa daquela dixemos por nós non se preocupar, levamos un libro para a viaxe, mais por favor, póñannos un tren de proximidade. A comarca da Coruña e Vigo son as dúas áreas de poboación máis grandes do Estado Español que non teñen tren de proximidade. 

E nestas estabamos, esixindo o que é de dereito e o que é imprescindible para unha correcta articulación do territorio e para que as zonas rurais ou periurbanas poidan medrar en poboación e ter futuro, cando vimos o mapa do Corredor Atlántico que cruza Europa para o transporte de mercadorías. Pensabamos que, por fin, unha vía de transporte nos ía poñer en contacto con Europa, mais tampouco vai ser esta vez. O Corredor Atlántico pasará por Madrid, cidade atlántica por excelencia, e entrará en Portugal por Salamanca.

Se cadra, tamén este é o momento de levantarnos e non volver á casa até que nos escoiten. Sen esperar a mañá. E se non hai goberno da Xunta que defenda os intereses galegos, terá que ser o pobo unido, e o concellos que queiran, as deputacións e as universidades, os colexios profesionais... Toca mirar polo noso, defender os nosos intereses e dereitos e non permitir que nese Corredor Atlántico que conecta con Europa máis da metade dos portos españois, ningún sexa galego. Miras o mapa, ves as costas galegas bañadas polo Océano Atlántico e pensas, está claro Galiza is not Spain.

(E si, é verdade, aínda nos queda algo de esperanza no goberno portugués que fronte á liña Lisboa-Madrid que todos os días xa ofrecen desde España, como marabillosa, eles seguen apostando por Lisboa-Vigo).

Comentarios