Opinión

A Galiza que non para

Moito se ten escrito sobre a imposición do galego. Cando no ano 2009 empezou o PP a repetir esa idea de "nos imponen el gallego", eu comentaba coas miñas amizades que ese discurso estaba pensado para rabuñar votos en Madrid, que despois do acoso padecido pola nosa lingua durante séculos, NINGUÉN ía acreditar en que as galegas e galegos sufrían ningunha caste de imposición da súa lingua. Que inxenuidade a miña! Moi pronto empecei a escoitar veciñas, o señor que tomaba café ao meu lado: "Eu falo galego, pero que mo impoñan non quero". Sabiamos a teoría, unha mentira mil veces repetida acaba converténdose nunha verdade, mais na batalla das ideas estaba claro que a dereita nos levaba vantaxe. E 15 anos despois, estamos mellor preparadas para esta guerra? Grazas aos cartos de todas, veremos na prensa convencional a propaganda convertida en feito, a publicidade en realidade… e a Galicia que non para: non para de botar a xuventude para fóra, non para de destruír emprego, non para de pechar escolas, non para de recortar en sanidade, non para de mentirnos…

Quen tiña a obriga de gobernar para todas non o fixo. Aquel abrazo co presidente de Iberdrola é a foto fixa destes 14 anos de goberno. Sálvanos da hecatombe o esforzo diario de miles de traballadoras e traballadores, o talento de quen fai cultura cada día, as redes de apoio e confianza que imos tecendo, as políticas –alí onde se poden facer efectivas–, de quen confía neste país porque temos que berralo: vós no canto de facer desfixestes e nós estamos fartas. Porque nós si somos a Galiza que non para, a que madruga, a que vai ao instituto, a que participa, a que traballa na fábrica, a que sabe que precisamos outro goberno, a que se implica, a que lle vai dicir a todas que agora nos toca a nós: á clase traballadora, ás estudantes, aos axentes culturais, ás escritoras, aos artistas plásticos, ás investigadoras, ás mariscadoras, aos labregos, aos pensionistas, ás traballadoras da CRTVG, ás limpadoras… Agora tócalle a Galiza.

Comentarios