Opinión

A fenda da desigualdade

Segundo estudos realizados por ONG internacionais, o Estado español é o cuarto país máis desigual de Europa e a fenda salarial entre ricos e pobres non só non diminúe senón que vai en aumento. 

E mentres isto sucede, para a socialdemocracia que nos goberna non semella que esta loita contra a pobreza sexa a prioridade absoluta da súa axenda e o Goberno galego, nunha especie de Robin Hood ao revés, róuballes aos pobres para dárllelo aos ricos. E así, as rebaixas fiscais da Xunta só benefician as rendas máis altas e grazas ás últimas medidas en materia fiscal, as grandes fortunas, en Galiza, pagan polo patrimonio a metade do que viñan pagando.

Somos o terceiro territorio do Estado onde o posuidor dun patrimonio de 40 millóns de euros paga menos impostos, só Madrid e Andalucía pagan menos ca nós. Mais mentres isto sucede, en Galiza non existen deducións para nais traballadoras ou para a mocidade para emanciparse ou unha política pública que poña vivenda de aluguer ao servizo das máis vulnerables. E reducindo os ingresos é difícil implementar políticas públicas en defensa das persoas vulnerables e en risco de pobreza e exclusión. 

No ano 2022, 23,6% da poboación de Galiza estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social –287.000 homes e 348.500 mulleres– o que amosa unha fotografía fixa da feminización da pobreza. Segundo as entidades do Terceiro Sector, lamentablemente, en 2024, hai poucas razóns para o optimismo en Galiza porque constatan día a día o empeoramento das condicións de vida de moitas galegas e galegos no último ano. E a feminización da pobreza avanza en Galiza porque as desigualdades de xénero están directamente relacionadas coa pobreza das mulleres e os recursos para políticas públicas pola igualdade real entre homes e mulleres da Xunta carecen de ambición e de orzamento suficiente. 

Precísase unha política fiscal xusta e redistributiva  que xere os orzamentos necesarios para facer efectivos dereitos básicos en políticas de igualdade, de vivenda ou de acceso ao emprego.

Comentarios