Opinión

A vitoria moral do Celta

A chegada dos 'grandes' da liga aos estadios dos equipos que, coma o Celta, din xogar noutra liga, sempre vén acompañada de algarabía e sobreexcitación

A chegada dos 'grandes' da liga aos estadios dos equipos que, coma o Celta, din xogar noutra liga, sempre vén acompañada de algarabía e sobreexcitación, pero nunca de indiferenza. Probablemente esa expectación supera os límites da merecida polas figuras do momento que se pasean polo céspede local como estrelas do firmamento ás que os nenos adoran e que, na maioría dos casos, non recibirán dos seus ídolos nin un medio sonriso de complicidade. Por se non o sabe alguén parece que o Celta foi o 'vencedor moral' do enfrontamento, segundo lle escoitei a máis dun afeccionado sagaz á saída do encontro. En realidade perdeu 0-3, pero seica moralmente debemos de gañar como 4-3 ou así. Non especificaban o número de goles 'morais' que marcaron os celestes.

Estes partidos normalmente pérdense. E case é mellor así porque o desgaste físico que esixe ser quen de gañarlle ao Barcelona ou ao Madrid acaba pasando factura

O certo é que na primeira metade o Celta si foi quen de facer o partido que quería, de ter o balón, de chegar a portería rival con perigo... pero sen gol. Pola contra, o Barça, sen facer o seu mellor xogo, aproveitou un dos despistes made in Cabral para facer o primeiro tanto 'real' do partido. Despois un infortunio puxo o 0-2 no marcador e co terceiro en contra o único que puido facer o Celta foi rematar o partido o máis dignamente posible. E fixoo, pero perdeu. E non pasa nada, non é un drama. Estes partidos normalmente pérdense. E case é mellor así porque o desgaste físico que esixe ser quen de gañarlle ao Barcelona ou ao Real Madrid acaba pasando factura. O Celta sábeo ben. O ano pasado todo eran eloxios para o xogo do equipo de Herrera. Ninguén cría como era posible que un equipo xogando como o facían os celestes non gañara máis partidos. En Balaídos as cousas ían relativamente ben pero fóra da casa era un desastre. Moita vitoria moral pero das outras, nada. Entón chegou o primeiro 'grande' a Balaídos despois de seis anos. Partido da Copa entre o Celta e o Real Madrid. 2-1 para os celtiñas. Moito 'subidón' até que empezamos a pagar os excesos. Sempre pensei que ese partido foi o principio do baixón do Celta na liga e do fin do tempo de Herrera en Vigo. Aquel desgaste, sumado á lesión de Hugo Mallo no partido de volta, supuxo unha peaxe cara de máis para o que o Celta podía pagar. Nese caso, a vitoria real trouxo consecuencias reais.

Escoitaba este día a Esteban, ex do Celta e actual porteiro do Almería, dicir tras ganarlle ao Valencia que, en realidade, o seu equipo tería que levar seis ou sete puntos máis dos seis que actualmente ten. É bonito si, pero igualmente irreal, como o son as vitorias morais.