Opinión

A unión do Celta fai a forza

O Celta ó sábado en Valencia foi un equipo unido. Un bloque. Desgastouse

O Celta ó sábado en Valencia foi un equipo unido. Un bloque. Desgastouse. Quedou sen folgos pero nunca deixou de traballar pola vitoria. E fíxoo en bloque, como un equipo solidario que en moitos partidos atrás botáramos de menos. Atacaba en bloque e defendía en bloque, sacrificándose para non sufrir contra un equipo como o Levante que sempre é rocoso para o Celta polo xogo defensivo que plantexa. Ademais o Celta o sábado tivo un enemigo inesperado, o céspede do Cidade de Valencia que truncou moitas das incursións pola banda debido á auga que evitou o control de moitos balóns en zona perigosa. Pero, a pesar da auga e do xogo do Levante, o Celta no caeu na trampa de xogar a un fútbol que non sabe. O equipo non deixou de ter paciencia e creou o seu xogo tendo o balón desde atrás no canto de ir ao fácil, aos balóns longos.

Cando está Mina no equipo o Celta ten un plus de ofensividade arriba

E nese xogo do Celta ten moito que ver a decisión de Berizzo de poñer no equipo a Mina no canto de Radoja. Cando está Mina no equipo o Celta ten un plus de ofensividade arriba, pode que aparezan algunhas carencias en defensa pero o xogo do equipo gaña en perigosidade. Mina, un dianteiro nato aprendeu a baixar, a axudar, a ser enlace entre o medio centro e entre homes como Charles e Larrivey. Ter o comodín Radoja-Mina é un luxo para o Celta porque Berizzo pode tirar dun e doutro sen que o equipo perda calidade. E se a iso lle sumamos o gran momento que está a vivir Krohn Dehli, o Celta debería ter un final de tempada apacible e adicado a mellorar partido a partido sen a presión do descenso.

Por iso, esta vitoria a catro minutos do final, vale máis que tres puntos. O Celta necesitaba un triunfo para non caer de novo no pozo da desmotivación e ese gol de Charles é unha inxección de moral única. O Celta suma xa 35 e afástase despreocupadamente da zona de descenso e pode comezar a mirar cara arriba sen medo. Ademais, pódese dar a circunstancia se o Sevilla gañar a Europe League que o oitavo clasificado poda ir a Europa o ano próximo e penso que aspirar a oitava praza pode ser un obxectivo ben bonito para pechar a tempada. E en dúas semanas Balaídos recibe o Barça de Luis Enrique e de Rafinha, unha parte importante do que é o Celta hoxe. Pero ese partido non debe nublar as aspiracións do Celta. A vitoria na primeira volta en Barcelona foi o inicio da crise de resultados do equipo. O importante debe ser dar unha boa imaxe, máis aló de obsesionarse co resultado.

Comentarios