Opinión

O traballo, o descanso

Teño feito a dinámica en moi diversas circunstancias e mesmo continentes: pídolles ás mulleres que debuxen o que lles suxire a palabra "traballo". Dependendo do contexto, os debuxos son diferentes, claro, pero polo xeral atenden ao mundo do traballo remunerado. A aquelas cousas que asociamos co masculino e non co feminino.

Ademais, é curioso como as nosas percepcións están configuradas de tal maneira que seguimos coa idea xeral de que os homes son os que "teñen que levar os cartos á casa", os que "traballan de verdade" fronte ás mulleres ociosas, lerchas dedicadas "aos seus labores". Aínda que esta idea poida soar antiga, segue estando na base de moita desigualdade: a muller que deixa o traballo pago para ter crianzas porque, total, o seu estaba menos remunerado; as mulleres que cambian de lugar onde viven mesmo sen perspectivas de independencia económica "por amor", os homes que organizan empresas e imperios téxtiles con horarios incompatibles coa vida, con salarios ínfimos para as mulleres, coa explotación de crianzas.

É por iso que, nese contexto, adoito falo do descanso. O descanso é un dereito recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos que acabamos de celebrar. Mais cómpre considerar que é moi difícil descansar se non é nos ombreiros doutras persoas e aí hai mulleres que non descansan NUNCA na vida. Porque podemos deixar os correos sen atender, as tarefas da oficina para outro día, cousas que nin son sinxelas para as que somos autónomas, mais que chegado un punto ata podemos permitirnos. Pero non podemos deixar de cociñar, de limpar, de lavar a roupa. Ou pagamos a outras para que fagan ese traballo, e cómpre xa non só remunerar ben senón considerar as condicións de traballo (hoteis, restaurantes, panadarías, limpeza), ou ben haberá algún lombo (as mamás, as avoas, as tías, as irmás ou nós mesmas en calquera desas acepcións) que teña que apoiar o descanso alleo.

Estes días que se achegan, que imaxino que na súa orixe, lonxe de tanta luz e tanta compra, serían o tempo de recollemento do inverno, a celebración da compaña, da calor e do descanso das tarefas compartidas do campo, deben ser tamén un momento para pensar en quen traballa. Pregúntome en cantas casas, como pasa na miña grazas ao meu irmán, será un home quen se encargue de planificar, cociñar e alimentar. E en cantas outras simplemente haberá unha muller que incremente a súa lista de tarefas.

Comentarios