Opinión

Tocar a fractura

Ignoro se Galicia está "polarizada", como din agora, mais o que si é certo é que aquí convivimos persoas que valoramos o próximo, que coñecemos o noso medio natural, humano e cultural, que nos comprometemos co seu futuro e outras que turran en negar todo isto, en vivir só con referentes fóra.
As persoas que escribimos en galego, con frecuencia tocamos esa fractura. A pasada semana foi para min exemplo disto. Despois de varios anos regresei a Lugo para presentar Furia, un momento para min complicado, pois a miña última presentación coincidiu cos derradeiros días da miña mai. Enfrontarse á dor e asumila é tamén deixar que nos traspase e se transforme. Sentinme tocada polo afecto de moitos anos das persoas presentes, en particular de Luz Darriba e de Iosefina Bărdăzău e a xente do Cidade de Lugo Boxing Club. No final da semana visitei o IES Río Cabe de Monforte de Lemos, onde na súa biblioteca teñen tal cantidade de títulos meus que dá humildade velos todos xuntos.

Aínda por riba, botei a semana traballando como intérprete nun congreso que nada ten que ver en principio coa literatura, quitando que a organización decidiu contratar o servizo en galego, e foron numerosas as persoas que se achegaron a min para falarme de libros.

Polo medio, a chamada da prensa local nunha "entrevista" onde a persoa que a realizaba nin sequera se molestara en meter o meu nome no Google ou en ler a nota de prensa da editorial sobre o libro que se presentaba. E mentres que entendo que as profesionais do xornalismo están sobrecargadas e non teñen tempo de ler un libro, si agardo que cando alguén me entrevista faga o seu traballo minimamente. 

Esa semana, tamén, unha influencer galegofalante era incapaz de mencionar nin un libro de literatura xuvenil en galego ao falar nunha plataforma da CRTVG sobre o tema. Ela non é responsable da situación, senón produto dunha sociedade que en xeral non ofrece referentes propios (e anda que non temos na escrita xuvenil LGBTQ+ en galego!).

De aí que o traballo que cadaquén facemos no noso contexto teña tanto valor. Na lectura, sen centros de ensino, profesorado, bibliotecas, asociacións e medios, esa fractura avanza co seu poder destrutor. Porque hai interese en que a fractura faga fenda para que por ela caiamos na irrelevancia, no desánimo, mesmo. E ao chegar aí cómpre coller folgos coas mans que se tenden e seguir traballando para reparar e sandar, colectivamente.

Comentarios