Opinión

Señores delirantes

Esta semana toca engadir un nome máis á lista de señores delirantes elixidos nas urnas. Ademais do Trump non debemos esquecer a Modi (que aí segue, instigando a violencia relixiosa e as estruturas de castas totalmente contrarias á Constitución india), Duterte (o asasino e disidente coa súa "guerra contra as drogas") agora sucedido polo fillo do ditador Marcos, e por suposto todos os europeos que nos rodean.

Estes señores son o resultado dunha reacción de grande incomodidade por parte das minorías que teñen os cartos e os privilexios. Moléstanlles os dereitos alleos e teñen suficiente control das institucións e dos medios para aplicar as estratexias de Goebbels sen o máis mínimo reparo.

Nun momento no que parece que hai moita información e moi pouco contexto, calquera cousa, mesmo con datos por diante, acaba deconstruíndose en "túa opinión". Tanto ten que teñamos na nosa propia contorna vivencial vítimas de violencia sexual e de xénero, maiores que cobran pensións ínfimas, persoas migrantes que sofren violencia institucional... o importante é facer dos vitimarios vítimas.

No fondo de tales delirios están as mensaxes máis básicas: o lugar das mulleres é a submisión, a xente de clase traballadora non debería estudar porque está para servir, a xente galegofalante é bruta e non debe ter voz, as persoas migrantes está moi ben que traballen sen papeis que así se explotan mellor. O problema é que a capacidade de espallar o delirio destes señores fai que as propias persoas que logo padecen os efectos dos seus gobernos sexan as primeiras en comprar o seu discurso.

Por iso se hai algo que me irrita é que me pregunten sobre o "avance" ou "retroceso" de dereitos (de calquera tipo). Sempre digo que os dereitos son unha leira que se traballa, aquí e na Arxentina. Trabállase cada día dende a empatía e a humanidade, cousa da que personaxes como Milei carecen, presos de delirios de grandeza e conspiranoias que teremos que pagar todas. Mais que tamén, en solidariedade, superaremos todas non dende a alarma ou o dedo da superioridade moral, senón dende o coñecemento, o traballo man a man e a proximidade coas compañeiras (as mulleres do pano verde, as avoas da Praza de Maio, as migrantes e activistas que temos en Galicia). Con ou sen Milei, ese é o único traballo que pode desfacer os delirios destes señores que buscan perpetuarse para acabar con todo o que non sexa o seu lucro e ego propio.

Comentarios