Opinión

O peso dos papeis

Hai tempo que me preocupa a memoria das mulleres e a das escritoras en particular. Por desgraza, temos suficientes falecementos na nosa historia recente como para non ter que ir a épocas pretéritas para constatar o problemático papel das "familias". Legalmente, a menos que testemos o contrario, a nosa creación pasa a mans de persoas que poden estar mesmo nas antípodas do que defendemos en vida ou simplemente carecer de ferramentas ou interese para seguir mantendo vivo o noso legado.

É esta unha desgraza ben común na que irmáns que nin se levaban, ex parellas coas que se comparte descendencia (e, no mellor dos casos indiferenza; no peor, mal trato) ou mais e pais totalmente desvinculados da vida política e creativa da autora pasen a ter a custodia do seu legado. 

Cando dende os feminismos e os movementos queer criticamos a familia e a monogamia a base é esta: que as persoas que realmente estaban na vida de alguén, aquelas que conformaban a súa comunidade afectiva, creativa e vital, queden relegadas a un segundo plano, á magnanimidade de quen teña a respectabilidade legal de incluílas nas moitas decisións, ao silencio e mesmo ao desprezo ata nos momentos máis sensibles. A reclamación do matrimonio igualitario das persoas LGBTQ provén desta dor, se ben para min o sentido debe ser o contrario: as relacións afectivas deben ter máis peso ca os papeis, que ao final sempre confortan na seguridade a unhas a costa da dor das de sempre.

Na Sega levamos unha década traballando o legado das escritoras. Das vivas e das que xa non están. Facémolo dende a celebración e dende o respecto de entrar nas obras con seriedade e cariño, afastadas das haxiografías tan prevalentes noutros espazos. Mais sempre coa idea de que as autoras que honramos son as nosas iguais, as nosas devanceiras, as nosas compañeiras. Que a súa obra pertence ás comunidades que crearon e crean co seu traballo, por enriba dos papeis.

Erradicar a presenza das compañeiras co poder dos papeis, tentar limitar as lecturas críticas e excluír a quen traballa a memoria de quen foi unha de nós na decisión sobre un legado co peso da legalidade debería darnos moito que pensar. Porque, como dicía sempre miña mai, a familia non se escolle. As nosas comunidades políticas, creativas e afectivas si. E a elas pertence a nosa obra, devolvérllela é a maior homenaxe e o maior respecto ao noso legado que podería facer calquera familia.

Comentarios