Opinión

Inverter o ciclo

As árbores urbanas enferman e morren. Que curioso. Que será? Isto seguramente se pregunta a mesma persoa que a semana pasada observei botando un caldeiro de auga da fregona, cun claro cheiro a lixivia, na pouca terra que rodeaba a árbore que tiña diante da porta. Imaxino que é un hábito interiorizado que impide recoñecer o ciclo de morte que produce.

Estes comportamentos podemos velos igualmente en como actúan as empresas. Non hai xeito de que pase un día sen comprobar os efectos da enorme plantación de eucalipto na que se converteu Galicia, da contaminación dos ríos, dos intentos de abrir minas e de chantar eólicos nos montes e nos mares. É todo un continuo sen sentido ao que agora engadimos, por enriba da catástrofe permanente, o horror dos pellets de plástico que chegan ás nosas costas con total impunidade. Non é sorpresa ningunha que se produza esta catástrofe cando levamos anos escoitando todos os meses de novembro por parte de activistas que non se tomaron ningunhas medidas suficientes para evitar un novo Prestige, desta volta, branco e con idéntica xestión: ningunha.

Agora será todo un minimizar, un sinalar outras instancias, se tal, laiar ou implorar á divina providencia. Como a persoa que bota a lixivia, os responsables da Xunta tentarán facernos crer que ignoran como se puido producir algo así. Pois, claramente, sen control, con impunidade e coa catástrofe ambiental xorda na que nos insiren cada día polos seus intereses económicos particulares difundidos grazas a unha ampla rede clientelar... que podería saír mal??

Este ano temos a oportunidade de deter esta situación. No canto de laiarnos a posteriori, de saír ás praias sen saber como facer, mentres seguimos botando a auga con lixivia á árbore, se cadra é tempo de considerar seriamente a quen eliximos para que nos goberne. Votar, coma se a vida nos fose niso. Porque nos vai. Porque non pode ser que unha vez máis a cidadanía nos teñamos que mobilizar mentres a Xunta de Galicia fica de brazos cruzados. Porque é máis sinxelo elixir primeiro un goberno responsable que se faga cargo de evitar que se dean catástrofes deste tipo e, de aconteceren, que tome medidas inmediatas e asuma o papel de calquera que teña un mínimo de cariño cara ao lugar onde vive e a cidadanía para a cal administra os recursos públicos. E, si, falo dese país que chamamos Galicia, mais tamén dese planeta que chamamos Terra. O único que temos.

Comentarios