Opinión

Indefensión das partes

Hai uns días, Elsa Quintas denunciaba unha vez máis a situación delirante que se vive nos xulgados galegos en canto aos servizos de interpretación. Como ben apuntaba, carecer de intérpretes cualificadas é unha vulneración dos dereitos básicos das persoas e un negocio moi lucrativo para certas empresas.

Nos meus máis de vinte anos como intérprete nas comisarías, en tribunais ou en procesos de arbitraxe internacional, a complexidade de situacións vividas é moita para calquera profesional, xa non digamos para alguén que non o é.

Cando son os tribunais quen requiren o servizo (ou as comisarías), rara vez se ofrece á intérprete información suficiente para o proceso de xeito que poida realizar ben o seu traballo. Nun proceso xudicial, unha intérprete sen información sobre o caso está desprotexida tamén, e a súa desprotección afecta a todas as partes.

E, chegado este punto, cómpre falar da desprotección específica das intérpretes cara ao galego, que rara vez podemos intervir na lingua para a cal estamos habilitadas pola Xunta de Galicia de forma que debería ser totalmente equivalente á habilitación polo Ministerio de Asuntos Exteriores español e que, como constatamos de xeito recorrente na AGPTI, non é sempre así.

Un sistema xurídico desgaleguizado tamén está na base de todos estes problemas, pois para unha persoa, como é o caso de Quintas, implicada co galego, é sempre evidente que a lingua é un factor fundamental de dereitos e que calquera persoa que non fale as linguas do tribunal, estea na situación que estea, precisa estar debidamente asistida por profesionais da lingua (e si, tamén do portugués, que unha cousa é falar informalmente e outra moi diferente enfrontarse ao sistema xudicial doutro país).

Interpretar ante os tribunais implica estar suxeita a un escrutinio, a unhas normas éticas e a unha responsabilidade profesional extrema. É un espazo complicado xa de seu que as profesionais tomamos con toda a formación e respecto posible.

Isto leva a que rexeitemos, polo menos eu, pedidos ao non ver garantidas as nosas condicións de traballo, porque delas dependen as doutras persoas ás que debemos o noso servizo. E esa persoa poderías ser ti en calquera momento.

Por iso esta cuestión non é só asunto das profesionais coma min ou das asociacións coma a AGPTI, senón de toda unha sociedade que non pode seguir tratando con desleixo un traballo tan delicado coma o que facemos.

Comentarios