Opinión

Contra a estatística

Pasou o 8 de marzo. Escoitamos as estatísticas que resumidamente nos din que as mulleres estamos infrarrepresentadas nos espazos de poder, de lecer e de autonomía e sobrerrepresentadas naqueles que indican todo o contrario. Dende as cifras do desemprego ata, como segue sendo tristemente evidente, o risco de ser vítimas de violencia polo mero feito de sermos mulleres. As cifras falan alto e claro e están aí grazas ao traballo de moitas activistas valentes que recollen o que doutro modo sería unha realidade difusa. E negada. De aí que sexa totalmente contraria a deixar de rexistrar os xéneros nas estatísticas, como concepto que debe ampliarse, mais non eliminarse, do traballo de análise.

Porque, mesmo con indicadores precisos do resultado de realidades moi complexas, a discriminación por cuestión de xénero séguese negando na nosa sociedade. A semana pasada acabei sen eu entender moi ben por que no centro dun acalorado debate entre adolescentes, que son un reflexo fantástico do que a nosa sociedade promove como valores, a teimar que a discriminación non existe. A ningunha idade, claro está, ás mulleres nos gusta recoñecer que non se nos trata dignamente, sobre todo en tempos de individualismo capitalista no que parece que, se non te tratan ben, a culpa é exclusivamente túa. Se non chegas é porque non vales, repite a ideoloxía do capital, ignorando as condicións sociais que definen o que é "chegar" e quen ten acceso ao poder. Só así se entende que mozas que viven no mundo do deporte de elite, un espazo dos máis discriminatorios que existen, neguen a desigualdade. É este un espazo que se alimenta de continuo, grazas tamén aos delirios tránsfobos que nos rodean, da idea de que as mulleres cis somos inferiores fisicamente aos homes, desta volta en contra das evidencias científicas existentes e de análises de moita maior complexidade que medicións de atletas de elite, que é como tentar medir a beleza humana en categorías establecidas polo concurso de Miss Universo. Un desatino.

O patriarcado baséase en negar a realidade e a experiencia, en avergoñar a quen padece a discriminación e en facer invisibles os seus mecanismos. Antes, agora e ata que lle poñamos remedio. Por iso os datos e o pensamento crítico son agora máis importantes que nunca. Sobre todo, porque para desfacer unha estrutura, para poder traballar en contra da estatística, temos que primeiro (re)coñecela.

Comentarios