Opinión

Contra a desesperanza

Nos tempos que corren semella que cada vez é máis complicado ter ilusión por algo que non teña que ver co consumo: adquirir, chegar, aparentar. O éxito como medida de todas as cousas, sen saber determinar exactamente o que define esa palabra.

Nas miñas interaccións con alumnado de colexios e institutos de Galicia sempre me chaman a atención as preguntas (moitas) que teñen que ver co "canto" (cantos libros levas publicados? Cantos premios che deron? Canto che leva escribir un libro?) e co concepto da "fama" (coma se unha aspirase a tal cousa escribindo en galego, bendita inocencia!). Mesmo a curtas idades, a sociedade xa lles subliña "o importante".

A ilusión, ben é certo, nunca foi fácil de alimentar. Sempre ao noso arredor, nos meus corenta e oito anos de vida, lembro guerras, fame, desigualdade, violencia. Moita, como non peso nin mido nin conto, non sei se máis ou menos ca agora. Sempre demasiada. E, ademais, indiferenza. Esa si, pesada, voluminosa. As persoas que temos afán de cambiar o que nos rodea cargamos con ela coma cunha lousa infinita.

A indiferenza desanima. Ese é o seu fin último. Toda esa xente que non mira máis que polo embigo propio, xa non digamos a que explota, financia e se beneficia de calquera cousa que lle permita unha comodidade. A pregunta que nos facemos moitas veces as persoas que nos movemos no activismo, adoito cansas e fartas, non é o canto nin o éxito nin a fama, senón o "para que". Para que nos esforzamos cando vemos estómagos contentos, xente á que lle importa todo un pito menos o seu, persoas que difunden odio, persoas que o practican con axilidade dentro e fóra das nosas fronteiras. Para que?

Cómpre ter unha convicción ben forte, unha claridade de miras e, sobre todo, unha rede de apoio, para non desfalecer. Dende ese marco votarei o próximo domingo. E penso que, pase o que pase, non podemos deixar que nos venza a desesperanza. Porque, alén das urnas, o importante tamén é o que imos sementando polo camiño. A idea dun cambio, a confianza nas propias capacidades, o debuxo dun perfil novo para o noso país é xa en si mesmo o "éxito". Ou, máis ben, a leira na que cómpre sachar cada día, co orgullo do traballo feito, mais sen esquecer sempre o que queda por facer. Erguerse cada día e seguir sentindo o inconformismo co que nos rodea, lonxe do laio, irredutibles na esperanza, que é a forza máis transformadora que temos como seres humanos.

Comentarios