Opinión

Ameazas ficticias e reais

Se hai algo que os medios nos recorden cada día é que non todas as vidas son iguais. O relato que se constrúe arredor delas fai que unhas nos conmovan e outras nos resulten indiferentes. Penso no que acontece en Gaza, onde a comunidade internacional xustifica un xenocidio deshumanizando as vítimas constantemente. Mais tamén penso no asasinato dun home racializado na Coruña o día de Nadal a mans da policía.

A normalización da violencia cara a certos corpos é algo que coñecemos ben doutros lugares (abonda con ver a maioría de series comerciais estadounidenses que teñen corpos de seguridade como protagonistas para entender por que a violencia policial e a guerra como forma de vida está tan estendida nese país), mais cómpre non esquecer que o racismo cobra formas específicas en cada lugar. Cómpre non esquecer que o racismo é unha estrutura social prevalente da que nos beneficiamos as persoas brancas.

Esa estrutura constrúese no relato, na idea de que hai persoas que son unha ameaza só por existir. Que, por volver ao caso do home asasinado, nós, as brancas, fomos "boas migrantes" e que o maltrato a quen chega de lonxe está xustificado por non seren tal (por teren outra cor de pel, relixión, lingua). Aínda non hai moito escoitei unha filla de emigrantes galegos en Bélxica traballadora do fogar dicir que alí trataban moi mal "os españois"... diante de mulleres de América Latina e África.

No caso do home asasinado na Coruña, hai que engadirlle o estigma da enfermidade mental, un tema que ten que deixar de ser a última "moda" para pasar a ser unha cuestión que se afronte cun enfoque comunitario, con espírito crítico, profundidade e as ferramentas interseccionais ao noso dispor.

Se non traballamos así, a xente seguirá manifestando a súa falla de interese en tocar as estruturas racistas, que se instalan no noso día a día en miles de comentarios. E esa é a auténtica ameaza. Xa non digamos o avance rampante da extrema dereita en toda Europa, algo vital agora que se achegan as eleccións da Unión Europea. Non esquezamos que, se a UE non é boa neste momento, pode ser moito peor.

É tempo de avanzar na reflexión sobre estes temas, de escoitar as compañeiras racializadas e de abrir os espazos á súa presenza. Porque mentres nós, xs brancxs, non nos incomodemos, seguirá habendo vidas que importen e outras que rematen a tiros nun descampado a carón da nosa casa sen consecuencias.

Comentarios