Opinión

Ventriloquía

Coñezo e admiro a arte do mago Antón desde hai ben anos. A primeira actuación que lle vin sería polo ano 1977, en Antas de Ulla. Viaxou despois connosco a Lugo, acompañado desde logo por Facundo, a personaxe de que se valía para o seu magnífico labor de ventrílocuo, moito mellor que outros-as que podiamos ver na televisión daquela. Admirábel a súa dedicación a tantas interpretacións, números e maxias. Moitos anos despois, na cea que partillamos nun acto en Vigo, "convenceume" de como lle extraíran sen necesidade unha moa. Cando compartía a súa "aflición", desenganoume cumpridamente! Estaba sentada a carón del, así que aínda hoxe me pergunto como o deu feito, estándomos tan perto... En  fin, longa vida a Antón, á súa arte, e boa vista e bon sentido aos contratadores de festas e celebracións varias. Como en tantas outras ocasións, pasmamos co que nos venden e co que nos petan desde fóra, ignorándomos o valor do que temos dentro.

Teño utilizado en moitas ocasións a noción da ventriloquía como recurso para explicar, en crítica literaria, a suplantación da personalidade feminina a cargo de autores de literaturas varias. En tantos casos, quen fala na tona do texto é unha muller; na realidade, verbaliza o que o "ventrílocuo" autor quer que diga ou faga, conforme ao seu desexo, fantasía ou preconceito particular. Tal operación é visíbel en escritores e escritoras, como tamén o contrario: o intento de comprender e reflectir pensamentos, sentimentos ou reaccións da personaxe en cuestión. Naturalmente, a mestría autoral, o afán comprensivo, tamén determina a creación de caisquer personaxes, en función da súa idade, clase social ou outras variábeis, mais é innegábel que, nas artes en xeral e na literatura en particular, da afectación da ollada de xénero e o peso da maioritaria autoría masculina reséntese máis a representación ou ficcionalización de personaxes femininas. Ten padecido reiteradamente a nosa primeira escritora nacional –como muller, como galega, como autora– unha lousa de potente desfiguración: ben pode encabezar Rosalía de Castro o ranking dos EDC (Escritores Damnificados pola Crítica), ao servizo dunha lóxica represivo-xibarizadora que, por lóxica metonimia, atinxe á propria Galiza.

En fin, a ventriloquía é unha arte e, asemade, unha impostura, unha falsía. É esta á que me quero referir nos nosos días, no universo da información dominante, xustamente a que tenta contrastar ou rectificar, en tantos casos, a información deste diario. Todo un abano de emisoras de radio, de canles televisivas, de prensa escrita, de colaboracións xornalísticas, de editoriais... semellan falar en por si, cando, na realidade, están a retransmitir a información e a presión do "ventrílocuo", a consigna que interesa ao pretendente a Amo Universal Único. É tan descarada a "exportación" comunicativa da factoría USA ou, en xeral, do mundo anglosaxón, que millenta ideas, frases feitas, modas... impostas, que merecerían pola nosa parte (espectadores, ouvintes, televidentes, leitores) o estudo da súa "trazabilidade", se valer a metáfora pecuniaria, desde a súa orixe até a nosa "mesa". É unha presión constante e pesada, tanto que nen sequer nos decatamos en moitas ocasións, proba da súa eficacia e potencia. Si, alienación informativa; consignismo e pensamento decretal, tamén chamado politicamente correcto. Vaites, vaites!  

Comentarios