Opinión

Renacer galego

Hai dúas semanas que emprendeu a súa derradeira viaxe Darío Xohán Cabana, despois de tantas como realizou á nosa historia, á nosa literatura e a anosar nela obras senlleiras da literatura universal. Tamén no mes de Novembro de hai seis anos faleceron dous escritores coetáneos, Xosé Neira Vilas e Xosé Chao Rego. Os tres, cada un ao seu xeito, renaceron galegos nalgún momento das súas vidas, mais foi Chao Rego quen así o expresou lapidariamente no título dun seu libro fundamental: Eu renazo galego. Trinta anos, aproximadamente, separan a vida e traballos deste trío, mais probabelmente haxa entre eles maior conexión da que podamos achar entre o primeiro dos citados e moitos dos escritores e escritoras actuais. E isto en varios aspectos: no coñecemento empírico do país; no aprezo dos nosos clásicos; na descoberta, en fin, da propria personalidade-identidade vinculada a un eu que só acha sentido no ser colectivo, na existencia da nación, do povo galego. 

Xa tiña lido Xosé Chao Rego cando o coñecín persoalmente. Coido que foi nun acto organizado por Alfonso Blanco Torrado e Xermolos, de Guitiriz, na súa honra. Fíxonos rir a todos cando contou o caso dun frade pequeno de estatura que foi instado polo Papa a pórse de pé, pensando que estaba  axoellado, mais el, xa ergueito, respondeu: Non sum plus. Aplicábao a el proprio, mais os presentes ben sabiamos da súa grandeza e saber. Todos os seus libros foron, desde logo, iluminacións reveladoras para min. O xa citado Eu renazo galego; A condición homosexual; O queixume das orixes; O demo meridiano; O sexo, a muller e o crego; Prisciliano. Profeta contra o poder... Mais, hai pouco, na rica biblioteca dunha casa amiga, descobrín un outro que non posúo e que estou a ler agora: Da Ceca á Meca. Relixión e profecía, ao que lle dedica atención Carlos Mella no volume de homenaxe que editara a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, en 2010, subtitulado mesmamente coas palabras que encabezan este artigo. Este libro recolle, como indica no prólogo Marcos Maceira Eiras, as intervencións habidas na homenaxe nacional que, por iniciativa da Asociación Cultural O Galo, se lle tributara en Santiago de Compostela en Decembro de 2004. Velaquí a voz do proprio Chao, sempre irónica, sempre benhumorada: Os amigos defínenme como “animal relixioso” e pasei media vida querendo acumular graza e chegar a santo. O graciómetro non funcionaba malia o idealismo voluntarista da miña mocidade. Estudaba para santo e sempre fun quedando para setembro. Ata que me fun convencendo de cambiar de carreira, pois nunca daría chegado a tal fazaña canónica; propúxenme aprender a ser simplemente humano, relativizando e aprendendo a sorrir da propia pouquidade. E é aquí, nesta conversión, onde se produce a definitiva: renacer galego, no ecuador, xustamente, do seu percurso vital. 

Que diría hoxe o noso querido e admirado amigo ante dislates como os once millóns de luces de Vigo, cuxo alcalde dá en comparala con Nova Iorque, París ou Tokio? Que diría do propositado e premeditado desaparecemento-dilución da Galiza no alarde de españolización PP-PSOE patrocinado polo presidente da Xunta, para arredondar aínda máis a despersonalización da Galiza, incorporada como un outro sumando ao desafinado e españolísimo xuntoiro autonómico? Hai anos, daba eu en repetir que cando en Tui se aledasen de éxitos de Ribadeo, en Vigo, de Ferrol ou na Coruña de Celanova (e un longo etcétera), tal sería sinal de axirmos como galegos, fóra de localismos matadores. Unha inxenuidade. Cando teimamos en indicar, telefonicamente: “con B de Betanzos”, “S de Santiago” ou “L de Lugo”... outra inxenuidade. Cando, a imitación de Ramón Vilar Ponte ou Alexandre Bóveda, datamos sempre: Galiza e, entre parénteses, o lugar correspondente, máis unha. Que difícil, en tantos lugares e ocasións, é que a Galiza exista e funcione como referencia. Velaí a nai do año.

Comentarios