Opinión

Declárome sectaria analfabeta

Non, non me asaltou tentación masoquista para así me declarar. O conto é que, casualmente, cadroume ouvir na radio pública española un anaco dun programa tauromáquico chamado “Clarín”, que non se limita a informar sobre a barbarie senón a facer propaganda acesa dela. Un arrichado cronista cualificou de “sectarios analfabetos” aqueles poderes públicos e todos os representantes políticos que se opoñen ás touradas, e isto é o que mereceu tan rotunda caracterización por parte do entusiasta do espectáculo mortífero. Digo eu que, en mínima correspondencia, a emisora pública española –que pagamos todas e todos nós, velis nolis– debera ter un outro programa onde os contrarios se puidesen expresar libremente, e non só por apoloxía animalista senón por denuncia do que historicamente, e hoxe tamén, funcionou e funciona como ariete máximo do españolismo e dos seus emblemas.

Lembro, xa dos meus anos infantís, o diálogo supoño que inventado por meu pai entre dous amigos: “– Gostas dos touros? –Gosto. –E logo, como non vas? –Por iso mesmo”. O meu proxenitor fora socio fundador da “Sociedad Protectora de Animales y Plantas” de Lugo (en que ano sería?) e usaba deste conto a modo de exemplo. Recordo tamén o noso admirado e querido D. Jenaro Marinhas del Valle alporizarse por, rotineira e españolizadamente, o persoal referirse en galego a “mudar de terzo” ou a dicer que tal local estaba cheo até a bandeira, expresión ambas derivadas da tauromaquia. Sobraban frases en galego, dicía el (e aplaudo eu) para nomear os contidos respectivos.

Na Coruña, tivemos de aturar durante anos, no goberno municipal presidido (23 anos) por Francisco Vázquez, a imposición de espectáculos taurinos, que aínda se programan en cidades e vilas galegas. É a marca a ferro da identidade imposta a idem. O caso é que tal exhibición de morte e machismo (si, xa sei que hai mulleres que tamén se apontan a ela, mais non me desdigo) continúa a ser declarada patrimonio cultural español, como continúan a ser subvencionadas as actividades con ela relacionadas, non vaia ser que padeza a ínclita, inmortal e inicua “fiesta”. Si, porque tal é chamada: “fiesta”!! Se isto non é sadomasoquismo, que nome merecerá?

A cousa vén de vello. Xa en 1875, Valentín Lamas Carvajal, nas súas Cartas ôs gallegos, na “Sétima” en concreto, clama contra o abandono e a desmemoria en que xacían glorias patrias como o P. Feixoo, Aurelio Aguirre ou Fontán e, en troca, houbese cartos para planear en Santiago unha Praza de Touros (“Non teñen cartos, ¡ai!, pra honrar a esos / da patria quiridísimos tesouros; / ¡e souperon gastar miles de pesos / pra en Santiago facer “Praza de Touros!”). Efectivamente, o 24 de Marzo de 1875 constituírase perante notário a “Comisión Gestora para las corridas de toros”, coa idea de construír no río dos Sapos unha praza de touros por un importe de 32.500 pesetas (imaxinemos o valor de semellante cantidade na altura), co Concello de accionista, nada menos. Proxecto falido, afortunadamente. Xa no século XX, quen non recorda a estampa de Castelao nas páxinas da renacida A Nosa Terra: “¡Lástema de bois!”, exclama o paisano ante o cartaz da tourada prevista.

Si, as “banderillas” espetadas no coiro do animal, o “rejón” que desgarra a súa carne, o estoque e a espada que lle dan morte final..., boa métafora. Non direi de que. Barbarie e españolismo de mans dadas.

Comentarios