Opinión

Coa Rede Europea pola Igualdade das Linguas

En 1937, Castelao –a máxima personalidade galega do século XX– escrebeu: Algúns homes –galegos tamén– andan a falaren d-un idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfeición baixando pol-a escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produz a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, co-a súa variedade de culturas, é o siño distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velahí vai a demostración: Un can de Turquía oubea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os probes animaes ainda están no idioma universal...

Un idioma, encarecía o noso compatriota, é o corpo sensíbel dunha cultura e todo atentado á lingua peculiar dun povo representa un atentado á súa cultura peculiar. En 1948, a Declaración Universal de Dereitos Humanos proclama, no seu artigo 2, que “Toda persoa ten todos os dereitos proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquer outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquer outra condición”. Hai 25 anos, en Barcelona, proclamouse solemnemente a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, que é filla directa da anterior: os dereitos individuais fúndense cos dereitos colectivos, porque a lingua en singular non existe, existen AS LINGUAS, e a variábel que define todas elas é o USO estendido, xeral, non regulado, non submetido a restricións. Ora ben, todo dereito concedido reclama un deber das institucións públicas que deben garantilo. Se non é así, estaríamos ante unha situación en que se outorgan dereitos con tal de que non se exerzan, e isto contradí a xustiza mínima que merecemos. 

Catro anos antes, en 1992, a Carta Europea da Linguas Rexionais ou Minoritarias estabelecía claramente como a defensa e reforzo das nosas linguas eran principio fundante de democracia e de pluralidade cultural.

Tal e como aseverou o psicólogo social Kurt Lewin, there is nothing so practical as a good theory. Contamos coa teoría, pois. E contamos cunha práctica social asentada de moitos anos atrás no uso social e público das nosas linguas. Se os nosos idiomas son obrigados a viver nunha sorte de rexime de oracións subordinadas, en virtude do cal só existan para certas funcións, se practiquen onde nolo permitan e cando non molesten a hexemonía imposta, daquela, os principios da democracia, da igualdade de oportunidades, do respeito á pluralidade e á diversidade, e da xustiza, veranse seriamente comprometidos ou vaciados de contido.

Esta verdade ficou proclamada, tamén en 1992 e en Santiago de Compostela, no  Simpósio Internacional de Línguas Europeas e Lexislacións, o primeiro celebrado en Europa baixo os auspicios do Bureau Européen de Langues moins répandues, do CIEMEN catalán, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e da Comisión das Comunidades Europeas.

A Mesa pola Normalización Lingüística leva 35 anos defendendo estes principios e esta práctica. Babel non é unha condena. É o espello da especie humana na súa evolución e progreso.

Comentarios