Opinión

Castelao (I)

Sexan as miñas primeiras palabras deste artigo do naipelo 2022 para felicitar cordialmente a existencia e permanencia deste diario e de quen o fai posíbel, desde a directora á equipa de redacción, pasando polo Consello de Administración, accionistas, subscritoras-es e todos os colaboradores e adquirentes. É un fito de enorme valor na consecución –tan lenta como necesaria– dun espello de normalidade para a nosa lingua e o noso dereito a unha información feita desde e para a Galiza.

Estes dous anos xa cumpridos viñeron ademais acompañados dunha auténtica alfaia, cal é o agasallo do derradeiro número da histórica revista Nós, o desaparecido e queimado na barbarie da guerra civil española, outra brutal rémora no proceso de construción dunha historia onde a Galiza se protagonizase a si propria e deixase de ser eco e vítima da historia española. Non por casualidade este diario porta o nome daquela revista que, con todas as dificuldades –externas e internas ao país– se mantivera viva desde 1920 até 1936. Respeito, en fin, a unha memoria histórica declinada desde a Galiza.

Memoria histórica. Debo a un bon amigo o envío de verdadeiros tesouros hemerográficos que el localiza con afán e perseveranza dignos de todo o agradecemento. Un deles ten a ver co noso compatriota Castelao. Trátase da revista Documentos históricos de España: é o número 4, datado o 4 de Xaneiro de 1938, hai, por tanto, 84 anos exactamente. As letras U, H, P aparecen destacadas en cor vermella, como a sigla que representan: "Unión de Hermanos Proletarios".

No sumario da portada consta, xunto con varias noticias do devir bélico, a seguinte epígrafe: "Castelao, gran artista de la Revolución", e toda ela, a portada, está ilustrada coa reprodución, a bon tamaño, de dúas estampas do noso artista e patriota, a do terrorífico deus dos fascistas, co bandullo cheo de cadavres e mais a que rememora a morte de Alexandre Bóveda. Lembramos, como non, aqueloutra estampa da imaxe da muller mutilada, coa cabeza rapada e a sigla UHP gravada na súa frente polos bárbaros asasinos. Non se limita a esta mención o aparecemento e louvanza de Castelao.

En páxinas interiores, dedícanlle tres sob o titular: "Un gran artista de la Revolución", con inclusión de comentarios aparecidos no órgao da CNT de Madrid de Novembro de 1937 e mais no ABC de Abril dese mesmo ano (enténdese no ABC republicano, claro está). Reprodúcense máis tres estampas, de Galicia mártir e de Atila en Galicia. A ninguén coñecedor da obra de Castelao surprenderá o alto valor que partidos e organizacións republicanas españolas, distintas do nacionalismo galego e debedoras dunha outra confisionalidade ideolóxica, concedían á arte de Castelao e á súa función e transcendencia, e como tal foron obras súas utilizadas na propaganda e no combate directo contra o fascismo en moitas partes do mundo.

Ora ben, todo isto non faría máis que redundar, como valor engadido, no que nós, galegas e galegos, concedésemos de noso a Castelao. Esta recordación histórica que me permitín facer non ten máis finalidade que a de realizar desde estas liñas unha petición encarecida á Deputación de Pontevedra, ao Concello desta cidade e mais ao Museo Provincial para interesaren a dedicación dun dos seis edificios con que conta este centro, íntegra e monograficamente, á persoa e obra de Castelao. Que menos, en pleno século XXI, a 72 anos da súa morte e catro décadas de autoproclamada autonomía galega.

Comentarios