Opinión

Contra a invasión rusa e pola información contrastada

As guerras non se libran exclusivamente nos campos de batalla. Desde os primeiros conflitos bélicos da historia, a información dos bandos enfrontados foi empregada como auténtica arma coa que combater o inimigo. O uso e manexo da información gaña forza nunha realidade globalizada co fin de conseguir unha vantaxe competitiva sobre o contrincante. Un exemplo disto atopámolo na guerra de 2003 contra o Iraq, xustificada sobre a existencia dunhas armas de destrución masiva; na intervención contra Libia de 2011, baixo o pretexto de supostos xenocidios do réxime de Gadafi, ou no golpe de Estado de 2019 contra Evo Morales, acusado de fraude electoral.

A verdade é a primeira vítima dunha guerra. De feito, o informativo máis visto das televisións do Estado, o de Antena 3, abriu onte coa imaxe dun bombardeo ruso sobre Ucraína que en realidade correspondía a unha explosión na China en 2015. Ao tempo, un dos programas de máis audiencia das mañás, Espejo Público, empregou imaxes de simulación, dun videoxogo, como se fose o ataque real sobre o pobo ucraíno. Precisamente, esta é a información que amosa a práctica totalidade dos medios de comunicación do Estado, os mesmos que silenciaron as 14.000 mortes provocadas polo Exército ucraíno nos últimos oito anos na rexión do Donbass.

A primeira función do xornalismo pasa por non converter a información nunha arma de guerra. De aí que toque descifrar que información se basea na realidade e cal é interesada, ofrecer as diversas posicións das partes en confrontación e achegar elementos que permitan ás lectoras e lectores realizar unha análise non mediatizada dos feitos. Outra posición é ser participe dunha estratexia de combate, nun momento onde a narrativa do conflito vira no elemento fundamental para gañar a guerra. Neste caso, cómpre analizar e cuestionar a información  achegada polo Goberno ucraíno, polo ruso e pola OTAN, todos eles responsábeis dunha guerra que transforma en vítimas os seu pobos.

A defensa da paz como valor supremo, a aposta polo antimilitarismo como principio para resolver os conflitos e a loita contra a guerra guían Nós Diario desde a súa fundación. Erguemos, por tanto, a nosa bandeira, a do non á guerra. Hoxe en solidariedade con Ucraína, como antes fixemos, entre outros, con Donetsk e Lugansk, Siria, Libia, Afganistán e co Iraq.

Comentarios