Opinión

Galiza vai peor

Martxelo, Vicent, vou mostrarvos por que Galiza vai peor. Os últimos datos que coñecemos son os do emprego: 2.826 persoas ocupadas menos no mes de xaneiro, nunha poboación activa xa moi minguada polo envellecemento poboacional e a emigración, que entre 2011 e 2021 expulsou 330.890 persoas. Uns días antes, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) facía público que o PIB caeu no último trimestre de 2022, situando a Galiza nos postos de cola do Estado canda Asturias e País Valencià.

A cousa non fica aquí. A comezos do ano, coñeceuse que se perderon 2.897 traballadoras e traballadores por conta propia, coa destrución en termos absolutos de 1.693 empregos máis que no conxunto do Estado. Naquela altura, o Instituto Galego de Estatística fixo público que, en 2021, último ano con cifras, fecharon no país máis de 1.600 explotacións gandeiras, un sector estratéxico que nos anos de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta viu como reducía a súa actividade nun 42,6%.

Os rexistros do sector industrial non son mellores. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística para 2022, o Índice de Produción Industrial (IPI) caeu un 1,5%. Só rexistrou un comportamento positivo no que respecta á enerxía. Ademais, a produción industrial galega atópase 30,4 puntos por baixo de 2007 e non recuperou os niveis de actividade anteriores á crise de 2008, ano desde o cal foron destruídos 33.500 empregos no sector industrial.

A Galiza chegou ao escenario posterior á pandemia nunha situación peor á do resto do Estado. A pesada herdanza do "gran xestor" deixou nos ósos os sectores chave da economía do país e colocou a sanidade galega á cola do Estado en investimento, reduciu as partidas destinadas ao ensino público en beneficio do concertado e situou unha nación cunha elevada taxa de envellecemento como fechacancelas en políticas de dependencia.

Os resultados da xestión de Feixoo están testados na Galiza. O seu programa é o que acabou por situar a economía galega á cola do Estado e o que agrandou a desigualdade.

Comentarios