Opinión

En campaña

Acampaña das eleccións galegas está lanzada, Vicent. A falta de que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, poña data definitiva aos comicios, as formacións políticas traballan na conformación das súas candidaturas e afinan as súas propostas programáticas. A última en confirmar a súa decisión de concorrer ao proceso electoral baixo o seu propio nome foi Sumar.

Todo fai pensar que será o 3 de marzo a data das eleccións. O propio Partido Popular, tal e como adiantou a comezos de mes Nós Diario, fixo chegar esa posibilidade a diversos sectores empresariais. Aínda así, a súa concreción final dependerá  dos seus intereses electorais e das necesidades de Alberto Núñez Feixoo, un líder moi débil dentro do seu partido cuxo futuro depende do que aconteza na Galiza.

O presidente dos populares xógase a súa continuidade nos comicios galegos. Unha derrota electoral na Galiza significaría o final da súa carreira política e situaría o PP nun proceso de relevo de liderado, onde Isabel Díaz Ayuso e Juan Manuel Moreno Bonilla serían os candidatos con máis posibilidades. É curioso, Vicent, pero outra vez os comicios galegos van ser a batalla final de Feixoo.

O PSOE é consciente deste escenario e por iso enfronta os comicios galegos cunha actitude distinta a anteriores citas electorais. Até o de agora, a dirección estatal do partido non se marcara como prioridade o proceso galego, mais nesta ocasión o propio Pedro Sánchez deu orde aos seus de pór todos os esforzos. Tanto é así que Ferraz está dirixindo de primeira man a campaña destas eleccións, que enfronta como unha segunda quenda das estatais do pasado mes de xullo.

A totalidade dos actores políticos galegos entenden que estas eleccións son diferentes e actúan en consecuencia. Uns e outros coinciden en que se atopan nun escenario aberto, sendo posíbel calquera resultado. A este respecto, non teñen dúbida de que nunca antes, na última década, o PP tivo tan complicado reter a maioría absoluta e a oposición sumar os escanos necesarios para formar Goberno.

Os propios dirixentes populares non agochan esa posibilidade. Así, aínda a pasada na quinta feira, o responsábel estatal da área de Organización da formación, Miguel Tellado, instou Vox a non presentarse aos comicios galegos co fin de non dividir o voto de dereitas e diante das nulas posibilidades da organización ultraespañolista de obter representación na Galiza.

O resultado final dos comicios galegos vai depender, en boa medida, da campaña electoral. Neste sentido, a oposición ten por diante mobilizar o seu electorado, particularmente a mocidade, que tradicionalmente mantén as posicións máis abstencionistas. De feito, as sondaxes levan sinalando desde hai tempo que o BNG é a forza máis votada entre as persoas menores de 34 anos e a suma de nacionalistas e socialistas supera os populares entre as persoas de menos de 50 anos.

Un cambio político na Galiza non só é posíbel, senón que é necesario e urxente. Del depende reverter a situación actual, cuns indicadores moi preocupantes na esfera económica, na social e na democrática, mais, sobre todo, depende pór á fronte do país un Goberno que traballe ao seu favor e non responda a intereses alleos.

Comentarios