Opinión

De como se difundiu a imaxe do "gran xestor"

Vicent, estes días paso moitas horas pola estrada, visitando distintas comarcas da Galiza no marco da campaña do número 1.000 de Nós Diario, con actos de punta a punta do país, o que me impide facer un seguimento máis detallado da actualidade e do traballo diario no xornal. Aínda así prestei atención ao debate de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español e, en especial, á intervención de Alberto Núñez Feixoo, o que me dá pé a reflexionar sobre a mudanza na lectura da súa figura, que ten a súa principal explicación, ao meu modo de ver, no sistema de medios de comunicación que opera na Galiza.

Desde que comezamos esta sección de cartas cruzadas, desmonteivos en moitas ocasións o suposto Feixoo-bo xestor, ao igual que o suposto Feixoo-moderado. Fíxeno con numerosos exemplos e tirando de datos oficiais. Mais desta vez gustaríame pór o foco na construción desas imaxes e, sobre todo, na súa difusión. Foi o núcleo duro do ex presidente da Xunta da Galiza, integrado, sobre todo, por profesionais da comunicación –galegas e galegos que hoxe sentan na bancada popular do Congreso, tras concorrer ás eleccións estatais pola comunidade de Madrid– quen se afanou en vender a faceta de Feixoo como un home de xestión, un tecnócrata. Este papel foi desmentido, durante anos, nos medios cuxo financiamento non se basea nas subvencións procedentes da Xunta da Galiza e pola oposición, desde o Parlamento galego.

Conforme foron avanzando os meses cobraron importancia as falacias, improvisacións e metidas de zoca de Feixoo, porque o de Machado non é nada!

Foi abandonar Galiza e pasar a Madrid e comezar a caer a carauta de Feixoo e a facérense máis permeábeis os medios españois aos efectos negativos da súa xestión á fronte do Executivo galego. Uns efectos, insisto, que durante anos evidenciamos desde o xornalismo máis independente e as forzas políticas da oposición. Así, noticias publicadas hai anos volveron á actualidade, ao igual que denuncias formuladas por BNG e PSdeG ao redor do proceder do PP á fronte da Xunta da Galiza. De súpeto, o comportamento negativo da economía galega a respecto do da media estatal; o espolio eólico; o desmantelamento da sanidade pública; os recortes no ensino público; a manipulación e censura na CRTVG; as residencias de maiores convertidas en depósitos de cadáveres... saltaron a medios de comunicación españois que, meses antes, compraban o discurso do "bo xestor" e do "moderado".

Conforme foron avanzando os meses, cobraron importancia nas pantallas, xornais, emisoras de radio e programas de televisión españois as falacias, improvisacións e metidas de zoca de Feixoo, porque o de Machado non é nada! De "bo xestor" e de "moderado", Feixoo pasou a ser "o mentireiro", "o incapaz", "o fracasado". Non en toda a prensa, obviamente, que para iso hai liñas editoriais que defenden intereses diferentes. Mais, que pasa na Galiza? Acaso tan só Nós Diario, e previamente Sermos Galiza, así como os outros medios que non reciben subvencións do Executivo galego coñecían o perfil real de Feixoo? E o resto?

O que aconteceu coa imaxe de Feixoo é fácil de explicar: na Galiza, o sistema de medios de comunicación está completamente viciado polo reparto de fondos públicos. Un reparto de millóns de euros (si, millóns!) que impide desenvolver un xornalismo independente, crítico e socialmente responsábel. A debilidade financeira de medios galegos como Nós Diario, e os outros que non reciben axudas, é tamén a nosa fortaleza, porque temos as mans libres para informar.

Comentarios