Opinión

As cousas de comer

2022 non foi un bo ano para a clase traballadora. Unha inflación disparada, empuxada esencialmente polo aumento dos beneficios empresariais, diminuíu o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores, que viron como o seu salario medraba por baixo dos prezos. Neste contexto, o comportamento das remuneracións salariais na Galiza e Euskal Herria non pode pasar desapercibido pola súa significación social, económica e, sobre todo, política.

Así, a Galiza liderou o incremento dos salarios no Estado español en 2022, cunha alza do 4,83%. A continuación, situouse Euskadi, cun aumento para ese ano do 4,57%, seguido de Nafarroa, co 4,49%. A suba das remuneracións nestes territorios supera en máis de dous puntos a media estatal, cifrada en 2,69%. Precisamente, Catalunya colócase moi próxima a estes números, tras marcar unha alza de 2,73%.

A realidade económica, política e social da Galiza, Euskadi e Nafarroa partilla a existencia dun sindicalismo nacionalista hexemónico, con gran capacidade de mobilización

É preciso salientar que os incrementos retributivos están ligados á fortaleza e á combatividade das organizacións sindicais, á conflitividade das respectivas formacións sociais e á capacidade de mobilización e loita das traballadoras e traballadores. Neste sentido, Euskal Herria e a Galiza encabezaron a conflitividade laboral no Estado.

A realidade económica, política e social da Galiza, Euskadi e Nafarroa presenta moitas diferenzas pero partilla a existencia dun sindicalismo nacionalista hexemónico, con gran capacidade de mobilización e que impugna a política do diálogo social e de concertación coa patronal e os Gobernos que practica o sindicalismo maioritario no Estado, desde os tempos da Transición.

A dinámica social e da propia negociación colectiva impulsada desde o sindicalismo nacionalista está a favorecer unha mellora nas condicións laborais do conxunto da clase traballadora do Estado. Un exemplo paradigmático atópase na loita das empregadas de Inditex da Coruña e na súa capacidade para mudar a dialéctica laboral no conxunto do grupo. Semella que tamén os avances sociais se deben á loita das periferias.

Comentarios