Opinión

100 anos de Galeusca

Volvemos co “Galeusca de Direccións” tras o período estival festexando que hai 100 anos, concretamente o 11 de setembro de 1923, constituíase en Barcelona a Tripla Alianza, co obxectivo de coordinar as forzas nacionalistas de Catalunya, Euskal Herria e Galiza e apoiar a loita que se levaba adiante pola liberdade das respectivas nacións.

O acordo viña dar formalidade ás relacións que desde vello mantiñan cataláns, vascos e galegos, pero, sobre todo, significaba a vontade de dar unha alternativa á situación de dependencia que sufrían as tres nacións no marco do réxime en crise da I Restauración e dunha nova orde mundial emerxente como resultado da I Guerra Mundial e da Revolución Soviética.

O pacto da Tripla Alianza está indisolubelmente asociado aos grandes persoeiros dos nacionalismos catalán, vasco e galego do momento. Refírome, Vicent, ao Francesc Maciá e ao Rovira i Virgili e, Amagoia, a Elias Gallastegi ou José Domingo de Arana, ademais de ao galego Alfredo Somoza. Sobre todo, o acordo foi resultado da consideración colectiva duns movementos políticos que pertencían a tres nacións que, coas súas diferenzas, partillaban un mesmo Estado opresor e mais a demanda dunha estrutura de Estado para os seus pobos.

As razóns e as reivindicacións daquela primeira forma de Galeusca, verba que dá nome a esta sección, continúan intactas. Neste sentido, os nacionalistas reunidos en Barcelona en 1923 denunciaban que “o réxime imposto polo Estado español a Catalunya, Euskadi e Galiza é fillo das violencias pasadas e das coaccións presentes” e que “dentro da Europa reconstruída segundo o principio da liberdade das nacións grandes e pequenas, Euskal Herria, Catalunya e Galiza continúan sometidas, en contra da súa vontade”. Ademais, reivindican “o dereito das tres nacións a dispoñer libremente dos propios destinos e a vivir segundo un réxime de plena soberanía política”.

A táctica política definida polos impulsores da Tripla Alianza apostaba por “constituír un consello de tres delegados, un por cada nación, que representarán o conxunto das organizacións patrióticas dos tres pobos e servirán de lazo de unión entre estes” e declaraba “en nome dos patriotas vascos, galegos e cataláns” que era o seu propósito “unir as voces no berro de xustiza, darse as mans na propaganda, unir as forzas na loita e, se é necesario, mesturar o sangue no sacrificio”.

A resposta por parte de todo o espectro españolista á Tripla Alianza non se deixou agardar. O 11 de setembro, como ben saben Vicent e as lectoras e lectores de Vilaweb, a Diada foi disolvida con gran violencia e, os días seguintes, a prensa de todo o Estado cargou con dureza contra as posicións dos nacionalismos. O 13 de setembro, Alfonso XIII daba un golpe de Estado, a través da figura interposta de Primo de Rivera, que abriu a porta á represión contra os movementos nacionalistas do Estado.

100 anos despois, seguimos tecendo os fíos xuntas e xuntos desde as páxinas de Vilaweb, Berria e Nós Diario. Neste sentido, aproveitamos a apertura desta nova tempada de parcería para expresar a nosa vontade de seguir compartindo coas nosas lectoras e lectores información e opinión sobre o acontecer das nosas nacións pero, tamén, do resto do mundo, cunha focaxe que impugne os relatos globalizadores dominantes e ofreza unha información que escape ao filtro dos grandes grupos de poder; noutro tempo, pero nas mesmas nacións, diante doutra Restauración borbónica en crise e fronte a unha nova orde mundial en emerxencia.

Comentarios