Opinión

A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado de Salvaterra do Miño

Hai cincuenta anos botábase en Salvaterra do Miño a semente do que sería a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, entre a amizade e os intereses comúns co obxectivo de poñer en valor e defender: veciñanza, territorio, lingua e poesía. Sindicalistas, independentistas, activistas do movemento veciñal, reuníanse e ese ano, 1973 na ditadura franquista, tiveron conciencia da importancia das súas xuntanzas.

Iso é o que se celebra este ano: a semente do traballo da veciñanza organizada. Iso foi o que celebramos tamén o ano 2022 no centenario dos sucesos de Sobredo (Guillarei, Tui), a unidade e organización das sociedades agrarias, veciñanza na defensa de mellores condicións de vida ao reclamaren: Cultura e cultivo.

Sempre relacionei, querida Luísa, o labor desenvolvido por esas asociacións agrarias de obreiros agricultores, co das asociacións culturais que botaron a andar na década dos sesenta, con todo o traballo de conciencia política, de aprendizaxe, de cultivo oculto debaixo da palabra cultura. Aqueles, fundamentalmente homes, que se reunían no bar da beira da estación de tren, o Cantinera, naceran no franquismo, mais neles adurmiñaba a semente herdada do movemento agrario, a revolta, que tiña que comezar, á forza.

50 anos de resistência cultural, SCD. Condado (1973-2023), é o libro que hoxe che ofrezo, que mostra en fotografías a presenza das mulleres activas, como eran activas e tiñan voz, aínda que non voto, as mulleres agraristas que falaban e ocupaban un espazo. Un libro que testemuños da importancia social e cultural da SCD e 50 anos de vida; que conta como o fútbol visibilizou bandeira e lingua, da recuperación das festas tradicionais, da vivenza do propio entre a veciñanza, que limpaba a muralla da cidade e lle arrincaba o po á historia, un tsunami cultural e de cultivo.

Da SCD nacen forzas e azos para crear a Xunta de Veciños do Condado (1977) que se opón ao salto do Sela, á construción dunha celulosa, á extracción de area do Miño, á eucaliptización e paraliza o Plano de Ordenación do Condado.Todas loitas veciñais reflectidas na clandestina A Voz do Condado (1977-1979), distribuída de man en man que chegou a alcanzar unha tirada de cinco mil exemplares, contou a transición vivida desde o pobo e na lingua do país.

De nornalización lingüística non se falaba daquela e a SCD Condado desenvolveu un plano, antes da oficialidade do galego no ensino. Á par da promoción do deporte e da lingua no deporte, xa desde 1975, xorden os certames literarios escolares, o teatro percorre as parroquias da comarca, tamén con Roberto Vidal Bolaño, outro obxectivo é a recuperación da música popular e reivindicativa, con Suso Vaamonde que é da casa e tamén crean o Cineclube Xas.

Hai trinta e cinco anos nacía o Festival da Poesía do Condado para levar a poesía ao torreiro da festa, darlle corpo e voz ás poetas e aos poetas, visibilizar que outro mundo era posíbel ao falarmos da lusofonía, Euskal Herria e os Països cataláns, para escoitamos poesía nesas linguas. Viale Moutinho este ano lembrou na súa intervención os e as poetas que xa non están connosco e forman parte dos libros do Festival, fundamentais para que a poesía habitase entre nosoutras. Poetas que se mesturan entre a música e que o público agarda, desde hai anos, con fome, Luísa. 

Comentarios