Opinión

Rosa Diz Platis, honesta traballadora

Cando isto escribo é o dez de marzo, é necesario lembrarmos o ano 1972, podemos escoitar a Suso Vaamonde cantando o poema de Darío Xohán Cabana "Sete estrelas para Amador e Daniel".

A muller que hoxe quero homenaxear para que non fique no esquecemento era Rosa Diz Platis, peixeira na praza de abastos de Vilagarcía da Arousa, co seu home Roque Martiñán. Neste lugar púxose unha placa en que se escribiu:

"Na memoria de Rosa Diz Platis, honesta e pacífica traballadora deste mercado que morreu o día 27-10-1993".

No día sinalado xa estabamos na democracia, ía para 30 anos que asasinaran a Carrero Blanco, o presidente da Xunta de Galicia era Manuel Fraga, o conselleiro da Presidencia era Dositeo Rodríguez e o de Pesca era Henrique López Veiga. Procuren información nas hemerotecas, este acontecemento ocorrido vai para 29 anos é de dominio público. Créanme, fronte á ocultación dos feitos, a dor dunha familia, das amizades e da veciñanza segue aí. Rosa non morreu, matárona, mais quizais esta palabra poida ser moi dura para figurar nunha inscrición nunha praza de abastos.

Era mércores, sobre as dez e media, non era un mercado grande, por iso non había moita xente. Insisto, comparen a versión das testemuñas e a oficial do Goberno. Este caso e o silencio doen. Disque trataban ás peixeiras como delincuentes en calquera inspección para comprobar, por exemplo, o tamaño do peixe, como ese día, cando Teresa Diz, a irmá de Rosa, ve ao lonxe como dous señores, da policía autónoma, lle pegan a un mozo, duns vinte anos. Ela acódelle, dille que non fai falla que lle peguen. Dinlle que se largue. Hai un tiro, dous, tres, ás veces din que catro, mais non foron todos ao ar. Teresa descobre que detrás dela está a súa irmá, Rosa, no chan, pensa que lle deu un vaído. Un dos disparos déralle no estómago, matouna. Nese momento habería unhas sete persoas preto de Rosa, ao sentiren os disparos achegouse máis xente e na chegada da ambulancia, unhas cincuenta persoas como moito.

A versión oficial que o propio Fraga e Dositeo Rodríguez comunicaron nos medios públicos xustifica a acción policial en lexítima defensa. O Conselleiro da Presidencia sinala que os inspectores foron agredidos por duascentas persoas e que se puxo en risco a súa seguridade. A responsabilidade é dos agresores, veciños e compañeiros da vítima, que lle quixeron arrebatar a arma, que lanzaron pedras e obxectos contundentes contra el. As testemuñas aseguran que o disparo a un metro de distancia non foi fortuíto.
Proponse un día de loito desde a Corporación Municipal, hai unha manifestación de máis de tres mil persoas que reclama xustiza e esclarecemento dos feitos, hai unha folga de fame do marido de Rosa Diz, hai solidariedade e apoio, hai aínda os vellos policías que se achegan por perto da casa de Sobradelo, que ao veren xente preguntan "se isto é político". En 1995 é o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra e é triste, cando menos, contemplar como queda durmido o presidente da audiencia. Eran outros tempos?

José Otero Camba, o axente da policía autónoma foi condenado a un ano de cárcere menor e ao pago dunha indemnización de 25 millóns de pesetas por un delito de imprudencia temeraria. Seica ninguén dubidaba da súa experiencia, viñera de Euskadi.
Rosa, pacífica traballadora, na nosa memoria.

Comentarios