Opinión

Rebeldía, Máis Alá!

Vellos son os trapos! Hai quen nace vello, e non é por vir ao mundo para ir de vello para novo. Hai quen é moza até o remate dos seus días e anda na rúa, para estar aí cuestionando o tempo que lle tocou vivir e melloralo. A mocidade non é cousa da idade! A velleira tampouco!

Non participamos pois de ningún xeito de etarismo, que achamos unha das máis grandes discriminacións.

Desbotamos da nosa fraseoloxía: Ti, non tes nin voz, nin voto. Xente nova e leña verde, todo é fume.

Desbotamos: Nin moza sen amor, nin vello sen dolor. A vellez ten mala cura.

Desbotamos: A mocidade folgada, trae a vellez arrastrada.

Desbotamos, polo ben individual: a idade, en todos os prexuízos que imperan sobre a vellez e mocidade.

Reivindicamos, polo ben colectivo, o que nos poden ofrecer desde a súa sabedoría as persoas pola experiencia de vida, mozas ou vellas. Pola súa capacidade de análise, detectando o que os ollos que cren telo visto todo, non ven; detectando o que os ollos que xa viron tanto, nos poden aprender a ver.

Chamamos pola rebeldía, da mocidade e da velleira! Por quen sabe que os tempos pasados non son mellores! Por quen non vive da nostalxia! Por quen non se fecha na soidade do corpo e abraza o colectivo!

Chamamos por quen non ten moas de xuízo, por quen as sofre, por quen non as vai ter nunca!

Chamamos desde a rebeldía das devanceiras, desde a xustiza pola man, pola Xustiza social!

Pronunciamos, levadas pola forza de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, como hai cen anos: Máis alá! E diremos, fronte ao telón de grelos: Máis Alá! E renegamos do máis vale malo coñecido que bo por coñecer! Afirmamos que o vello coñecido é todo o que se coce e alimenta na meseta castelá, fechada no dicionario de Covarrubias e na gramática de Nebrija, no desexo de que sempre a lingua foi compañeira do imperio.

Chamamos á rebeldía para vivirmos en galego, como berraron hai cen anos, a nosa Fala é nosa. Pospoñela a calquera outra é unha forma de suicidio!

Chamamos polos escritores e polas escritoras que escriben en galego e venden as traducións das súas obras ao español, no mellor lugar das librarías de noso! Chamámolas á rebeldía para aclararen os seus marcos!

Sabemos, e mellor non falarmos delas, nin deles, de quen escribe en español e participa traducido en certames en galego, quen publica traducida, sen dicilo,

Tamén sabemos de quen moi lonxe do esperpento de Valle Inclán, hoxe, cen anos despois, se comporta como un "pollito bien"!

Agardamos polo regreso de quen marchou! Portas abertas ao mundo que vén de lonxe! Portas abertas a quen andou mundo e regresa cunha valixa de saber renovado!

Sabemos que Madrid precisa de personaxes para a súa opereta! Nesta zarzuela mal cantada, que enche titulares, están as coplas de Feijóo, que como o virrei Rajoy, perderon todo o sentido ou mostraron que nunca o tiveron na súa corte celestial!

Desbotamos, como hai cen anos, que nos marquen os carreiros coa imitación, a dos vellos en nome da vida, a dos novos en nome da novidade.

Pronunciamos con Rebeldía: Madrid non é Máis Alá!

Chamamos pola rebeldía das barricas con palabras!

Berramos con Xela Arias: Intempériate fogar dos rumorosos!

Chamamos polo espírito de Nunca Máis, para que se fale do que cómpre facer!

Rebeldía, Máis Alá!

Comentarios