Opinión

Que si que si

A obra de Xela Arias esgotada, sen presenza en moitas bibliotecas, seguía movéndose entre mans amigas que permitiron que recalara en mans máis novas, que fora descuberta. Nos libros de texto era a súa presenza demasiado breve, limitábase case sempre á mención do seu nome, poucas veces  acompañado dalgún título dos seus poemarios, digamos que en todos estes libros a xeración poética que procuraba Xela Arias para compañeira da súa Denuncia do equilibrio tampouco estaba moi presente.

É certo que comezaron a mudar os discursos e a Festa da palabra silenciada, soñouse sen o adxectivo, e hoxe as reivindicacións feministas ocupan espazo nas noticias e enchen prazas, de momento. Foron as reivindicacións feministas as que levaron o Códice Calixtino de Luz Pozo Garza ao programa de literatura galega do século XX, as mesmas que quixeron celebrar, e foron oídas, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno ou Xela Arias. Foi o movemento feminista o que mudou un xeito de ser e estar no mundo, quen segue no camiño da loita  pola igualdade de dereitos para as persoas, para sermos máis libres. Por iso aínda é necesaria esta loita.

O Día das Letras Galegas 2021 propiciou que o traballo de María Xesús Nogueira de 2018, a Poesía Reunida (1982-2004) de Xela Arias, fora demandado en todas as librarías, que se celebrase cada libro esgotado de Xela Arias con novas edicións, que os poemas de Tigres coma cabalos abandonaran o cadáver exquisito do libro e se penduraran á beira das fotografías de Xulio Gil nos museos, que a súa voz regresara desde Intempériome, que Darío a diario, o libro que regalabamos nos noventa ás amigas que ían ser mamás, entrara na escola infantil, na primaria, na secundaria e, desde aí chegara ás casas e á vida das familias, e despois de lermos Non te amola, desexamos máis relatos. Escribiuse sobre a súa vida e interpretouse a súa poesía. Estas Letras Galegas pasadas mostráronnos o rostro da muller que se retratou na súa obra e desexou ser retratada, a súa ollada estaba en todas partes, coma nunca antes.

Pouco ou nada se falou do relato "Que si que si", asinado por Xela Arias, dentro do volume Contos eróticos/ Elas, (Edicións Xerais, 1990); foi o texto, xunto coas fotografías, de Tigres coma cabalos, que máis dano lle fixo no momento da súa publicación, escribir podía facerlle mal á saúde. Seino ben, oíno, debatino e enfadeime. Mais ela tamén o di e mostrou o seu enfado. Lean a súa conferencia "Muller e literatura", (Xela Arias, quedas en nós, 2004). O conto dá para moito, máis dá que del non se fale no 2021, cando Arias estaba ofrecéndonos un relato dunha muller liberada (non só), para cabeciñas daquela, unha protagonista activa que obrigaba a pensar na pasividade sexual, poñer o mundo do revés, un retiro espiritual con retranca. Daquela falamos do filme que circulara, La pasión de China Blue, que dera que falar, aquí a última palabra e a dun home que se sente máis home; no relato de Arias, Laura, ten sempre a palabra.

Rematada a festa cómpre levar a literatura, a obra de Xela Arias e a lingua da que nunca claudicou, a galega, á vida civil. Entrarmos na profundidade do retrato do país, que si que si. Lean.

Comentarios