Opinión

Mil

Mil é un número para celebrar, mostra un camiño andado e abre unha etapa nova. Fáloche, Luísa, de Nós Diario, o xornal que naceu para ser diario e en papel, sae á rúa de terceira feira á sábado, chega ás persoas subscritas, véndese nos quioscos e mesmo se pode mercar nalgún aeroporto. O sábado vai acompañado dun suplemento, Sermos. Lembro como te enfadabas cando no inicio da escrita e da lectura, nesa outra canle, que non era o papel e que chegaba para rematar con tantas cousas, agoiraba o final do libro impreso, que tanto nos incomodaba, a morte vaticinada do precioso obxecto en que asinar dedicatorias, anotar, pintar, subliñar e mesmo crucificar, todo a man. Debates que sostiñan que, do mesmo xeito que a escrita a man e a preocupación pola caligrafía, morrera na música das teclas da máquina de escribir e esta sinfonía, que individualizaba cada pulsión no papel, sucumbira no teclado do ordenador, así perecerían a poesía, a narrativa e o teatro como o libro e abandonarían os andeis dos lugares de lectura para se refuxiaren nas bibliotecas virtuais. Un novo mundo que nos semellaba deshumanizado. Un novo mundo, o de hoxe, onde ler xornais en papel e mercalos nun quiosco xa non é moi normal, e o xornalismo dixital é o que mantén, coa publicidade en moitos casos, a existencia do papel.

Nunca esquecerei a tristeza que sentín cando o 29 de xullo de 2010 saía o derradeiro número, o 1.417 en papel, de A Nosa Terra, o semanario onde escribiamos as nosas columnas; desaparecía con el unha maneira de contar Galiza, a maneira de contarmos. O 17 de maio de 2012 saía o primeiro número impreso dun novo semanario que se chamou Sermos Galiza; o 26 de abril dese mesmo ano, para lembrarmos os Mártires de Carral, saíra unha edición dixital. Este semanario era o froito do desexo dun grupo de accionistas que foi crecendo e que se negaban a aceptar que a nosa identidade, sermos Galiza, non tivese voz e imaxe na prensa. O vaticinio era que non resistiría nin un ano. En novembro de 2017, Sermos Galiza S.A. anunciou que ese semanario se convertería en Nós Diario, unha campaña percorreu o país, o que está dentro e fóra, para ampliar o accionariado e o capital. O 2 de xaneiro do 2020 saía o primeiro número do xornal en papel, unha homenaxe o nome á revista Nós, que o deseñador Pepe Barro, tivo moi en conta.

Cando alguén precisa coñecer a historia de Galiza, o que se viviu desde 1977 até o 2010, a defensa do país, os conflitos obreiros e laborais, a defensa da lingua, a represión lingüística, o debate normativo, a guerra entre Servia e Croacia, a do Golfo, a de Irak, a catástrofe do Prestige, os conflitos agrarios, o problema da cota láctea, o conflito da pesca con Canadá, os problemas das mariscadoras, o das traballadoras da fábrica de Álvarez en Vigo, as loitas no ensino galego, a persecución aos ensinantes do Instituto Manuel Antonio, poño por caso... Cando queremos saber de nós, temos a sorte da memoria escrita, a nosa historia en A Nosa Terra. Por iso contamos. Cando pase o tempo, Nós Diario, será a nosa memoria, tamén en papel. Ningún medio informou sobre o accidente de Angrois como Sermos Galiza. É preciso decidirmos, contarmos, sermos. O que era unha cuestión de fe e traballo para Francisco Carballo, ten que ser, por forza, a afirmación de acreditar en Nós. E ti segues connosco, Luísa.

Comentarios