Opinión

Mensaxeiras do lado da música: Dorothé Schubarth e Hildegard von Bingen

Na circunferencia non hai lados, nin ángulos; o círculo é unha lagoa, alimenta, rodeada de terra ou de illas de coral (atol) ; Se construímos un atol, un camiño, libérase o círculo, o saber. Quen abre o atol posúe as chaves do silencio, para que o silencio sexa voz. O círculo contén música e poesía e demais saberes silenciados. Poida que non haxa lados, Luísa. Hai mensaxeiras que rachan a circunferencia e liberan o círculo.

Dorothé Schubarth é unha das mensaxeiras que liberou o círculo dese silencio, a camiñar para procurar desde os Balcáns, desde o Cáucaso, por toda Alemaña e Francia até a Fisterra galega, ese silencio da música, para darlle voz á colectividade; andou leira por leira, torreiro por torreiro, cociña por cociña, para nos descubrir o canto popular da Europa e as súas formas. Nacera en Basilea en 1944 con parte de Europa destruída, nos setenta cando aínda non estaba todo re-construído, ela comeza o seu traballo de investigación, para liberar ladaíñas laicas ou relixiosas da destrución. En 1978 chegou a Galiza para percorrer e habitar os círculos, entrar en contacto co profesor Antón Santamarina e legarnos o Cancioneiro Popular Galego en 1984. Nos anos oitenta era unha habitante de Santiago de Compostela que na súa discreción moitas tiñamos por sabia.

No ano 2014 Dorothé Schubarth foi a primeira Nosa Señora das Letras, a primeira homenaxeada no día das galegas nas letras, da daquela recén creada Plataforma de Crítica Literaria, A Sega, da que tamén formo parte. Como se explicou naquel momento, se tiñamos voz é porque houbo quen foi de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras. Cando llo comunicamos, a Nosa Señora, non entendía esta homenaxe desde o feminismo, argumentaba non ser merecedora xa que non fixera nada nesa loita e houbo que explicarllo. Demostrarlle que o seu traballo de recoñecer a voz como de nosoutras, era feminismo. Demostrarlle tamén que entrar no círculo do canto popular, da poesía e da música, era recoñecer o galego como a lingua que era. Ficou contente, agradecida e confesou que a súa timidez lle impedía estar nunha festa e ser o centro. Faleceu o 6 de setembro e xusto que nos agasallou con moitas máis de mil primaveras, mensaxeira de voz. Viñera de lonxe como Margot Sponer para defacer a circunferencia. Ti, es a nosa IX Señora das Letras, Luísa.

O 16 de setembro na igrexa de San Martiño de Xubia en Narón dentro desa magnífica iniciativa Festival Espazos Sonoros que celebra música e patrimonio haberá Unha tarde con Hildegard. Si, Luísa, Hildegard von Bingen, e eu non poderei asistir, nunca gocei da interpretación da música desta mensaxeira do século XII na Galiza. Andabas a voltas con ela, dicíasme nunha carta; xuntas contaxiámoslle a admiración que por ela sentiamos a Pancho Pillado. Ías vir para viaxarmos polos espazos da Sibila do Reno, para levarte a Bermersheim, o berce; a Bingen, onde están as reliquias, salvadas do nacismo, a Eibingen, e sobre todo a Disibodenberg, ese lugar do labirinto, da ruína. Para ti escribín, Sinfonía en Disibondenberg. Quero regalarche un libro de A. Otero Villena: ayn. O Ollo e a fonte. Polos espazos invisíbeis, as palabras das mulleres, as xeografías da fala. Pola lingua ignota en que nos falamos, Luísa.

Comentarios