Opinión

Manoel, lingua viva

Vai alá tempo desde 1988 cando formabas parte do meu alumnado no Instituto de Ordes na aula de 3º de BUP, vós, rapazada ilusionada, interesada, cos mesmos desexos de aprender que a profesora nova coas oposicións recén aprobadas. Aprendervos era aprender feliz naquel paraíso, un oasis onde o galego era a lingua, a materia da propia fala. Procurabamos a comprensión nas frases feitas, nas adiviñas, nas coplas e nos romances que procurabades na vosa contorna. Lembro temas que nos abrían camiños cando non tiñan presenza nos libros de texto, nin nos programas, mais formaban parte das vivencias e da historia da familia.

Compartimos a problemática dos caseiros de Berdoias, que traballaban durante xeracións terras que non eran súas, da súa existencia tamén pola comarca de Ordes; eu conteivos a historia dos sucesos de Sobredo e, ti, Manoel Vello Salvado, apuntácheste voluntario para ler na aula o poema de Cabanillas. Eu nunca deixaría de facelo nas aulas en todos os meus cursos seguintes, ao meu alumnado de Tui, faleille de ti e daquel día, de como seguiamos en contacto, tamén de Loli S.

Recouso e do castelo de Mesía, e lembrei as lendas que contabades e o doado que era falar dos Irmandiños e mesmo de dona Xenebra. Tempos complicados para os gandeiros e gandeiras venderen o seu leite a un prezo que os beneficiase, para competir xa daquela, sen sabermos todo o que ía vir enriba. Tiñades moi claro o motivo das manifestacións. Todo era materia das aulas, nada nos era alleo, xa que estabamos a aprender, o Exercito Guerrilleiro levounos a Foucellas e a Manuel Pena, “O Flores”, do voso concello. Nunca deixo de lembrarme daquelas aulas cando leo os poemas de Manuel Ponte e Manuela Sánchez de Lorenzo Varela, todos os seus nomes chegábannos pola boca das vosas familias, da veciñanza, cando non se falaba de memoria histórica, moito aprendemos.

Detivémonos en cada palabra do himno noso, por iso Manoel, podería titular este artigo: Manoel, bo e xeneroso. Todas as persoas que te coñecemos o afirmamos. No bo sentido da palabra, do verso de Machado: bo.

Xeneroso para moveres razón e ilusión e defenderes a etiquetaxe en galego, o produto galego, as terras. Moito che gustou saber que Castelao deseñara a botella de Augas de Mondariz. Moito che gustaba o apalpador que agasalla a receita de sermos nós, ti serás para sempre o apalpador. Moito defendes a lingua na derradeira porta que nos fecha no Camposanto, ti desde o cemiterio da entidade local de Morgadáns até Burela, lingua viva nos espazos das familias e do pobo, na morte-vida que nos lembra. Xeneroso desde a túa fe. Xeneroso o teu compromiso político, no acordo e no descordo, sempre polo ben común.

A fortuna levoute a coñecer anos máis tarde a Carme Coira, a miña alumna da Pobra do Caramiñal, os dous estudantes de socioloxía na Coruña, os seus xestos e xeitos lembraranche a túa profesora de galego. Un día soubestes que era eu. Sorte miña, serdes da miña familia de alumnos e alumnas. Ela púxonos en contacto. Por ela, souben a malanova do teu falecemento. É unha dor enorme sobrevir un alumno.

Lembro aquela lápida da que falaramos, a do adro de San Pedro Fiz do Hospital no Incio: A tódolos nosos antergos dos que herdamos as terras, a fe e a fala.
Iso herdamos da túa loita incansábel, da túa lingua viva, Manoel Vello Salvado. Sempre te quererei. Obrigada.

Comentarios