Opinión

Lume novo

Cando remata o curso escolar invádennos sensacións onde se mesturan cos obxectivos acadados, programacións non cumpridas, frustracións e/ou alegrías e entón comeza o verán, cada vez máis curto. Este ano moitas notas non chegaron para a noite de San Xoán,  non todo o mundo puido botar na fogueira cadernos ou o calendario de tantos agobios; xa non puido o lume novo queimar o aborrecemento dun ensino en moitos aspectos obsoleto, que desmotiva en maior ou menor medida, sobre todo o alumnado adolescente, e segue a depender en exceso da profesionalidade e empatía do profesorado. Isto non o salva o control, do que cómpre ou non saber, ben trazado nos libros electrónicos de E-Dixgal; a renovación pedagóxica é outra cousa, sobre todo preocupación polo ensino público e vontade de estar nestes tempos e neste país, por asumirmos que os orzamentos para educación non dependen, nin admiten, saldos e rebaixas. Semella que non hai cacharela de San Xoán que nos libre da incertidume de como vai ser o próximo curso, cando a pandemia non pode ter a culpa de todo. Será a razón non termos lume colectivo? O remate do curso escolar envolve a toda a sociedade máis do que se pensa, non é só cousa do alumnado, do profesorado, das familias. A educación é un asunto social. A ignorancia mata. 

Este curso foi duro nos centros de ensino para o persoal docente e non docente, para o alumnado. Ao inicio de curso falouse do que podía influír o aspecto emocional nun ano inédito nas aulas, despois todo se levou con aparente normalidade, mais hai moitas emocións tocadas que se esquecen. Para rematar chegaron as viaxes a Mallorca, nada que ver con aquelas que se fixeran como excursións de estudos, fin dalgunha etapa, onde se incluían visitas relevantes como Valldemossa, Deià ou Port de Sóller, para que non todo fose fuxir das discotecas do Arenal, xa que o profesorado asumía demasiadas responsabilidades, todas as que non se lle esixen ás axencias que programaron festas e botellóns para unha catarse de final de etapa que nos afecta a todas. Festas que son responsabilidade de quen participa e de quen as permite e fan perigar unha pretendida normalidade. Xa temos outro argumento para a incertidume do inicio de curso, para os deberes de setembro. Haberá (nova) normalidade?

O que ten que seguir habendo é o profesorado necesario, demostrouse que menos alumnado nas aulas é calidade de ensino, demostrouse nos resultados.

Aprender mellor tamén é unha cuestión de saúde, é ben público, futuro. Non se pode dar un paso atrás. Cómpre esixirmos socialmente que como máxino 20 sexa o alumnado na aula, que se autoricen os desdobres necesarios de aulas en todas as etapas educativas, que se manteñan os postos de traballo creados pola calidade educativa; cada alumno, cada alumna debe ter futuro nun ensino que o inclúa e en que participe. O alumnado non é numero e os centros de ensino non son lugares onde se deixa a poboación infantil ou moza, mentres as titoras e titores legais traballan. Queda un verán por diante para organizar e para que non nos atrape por sorpresa a variante Delta. Un verán con emocións. Aínda falta para queimar a máscara nunha festa compartida, en lume novo.

Comentarios