Opinión

A fiestra valdeira: 1936

En xaneiro de 1927 Rafael Dieste ingresa coa lectura da súa obra teatral A fiestra valdeira no Seminario de Estudos Galegos que axiña se imprime en Compostela. Esta comedia de remate ledo de Dieste apréndenos, non só a través do texto, tamén dos paratextos que se achegan ou se mutilan nas diferentes edicións. O drama, que o hai, aínda que se resolva en comedia, trata sobre a identidade persoal, a identidade de pertencer a un pobo, de non renegar do que se é. Na obra ser mariñeiro é sinónimo de ser galego; renegar da orixe é mudar o fondo real da fiestra, a paisaxe marítima, por un xardín fidalgo, como sería renegar da lingua propia para aparentar ser máis señor. O retrato de don Miguel explícao todo, como o retrato de Dorian Gray, mais son os mariñeiros (o pobo) quen arrincan a verdade, salvándoa, deixando o cadro sen fiestra, cun oco “valdeiro” para a mentira: ese inexistente xardín fidalgo que don Miguel non ten, por moitos cartos que fixera no Brasil. Ao facermos a lectura da fiestra tamén se nos obriga a reflectir: de quen é o cadro? Do pintor Antonio, xa que é unha obra súa; de don Miguel, el é o retratado e paga, ou dos mariñeiros, a súa vida está nas barcas que se ven pola fiestra. Todo volve ao seu lugar coa ribeira raptada nun momento de vangarda.

Esta historia editouse varias veces, a segunda en Bos Aires pola Editorial Atlántida (1958), a terceira (1980), a cuarta (1985) e a quinta en (1994) en Edicións do Castro. En 1995 dedicouselle o Día das Letras Galegas a Dieste e lemos o texto de 1994 cuns paratextos que nos aprenden o que hai detrás da fiestra: X. L. Axeitos sinala todas as representacións que se fixeron da comedia, desde a primeira en 1935 en Rianxo; uns debuxos de Díaz Pardo agasállannos a imaxe de don Miguel e do cadro. Mantense a dedicatoria a Costantino Candeira (xa na primeira edición)  e ao seu irmán, Antonio Dieste (que se engade na edición de 1958) e no remate un glosario galego-castelán. O máis importante para min é que antes do primeiro lance, indícanse as “Persoas da Comedia” e  achégase “unha lista emparellada coa dos seus intérpretes primeiros”, velaí  o nome das actrices e dos actores veciñanza e amizades do autor; velaí a aclaración sobre a dirección desta estrea: “dirixida polo autor en estreita colaboración co seu grande amigo Manoel R. Castelao”, que tamén será quen lle dea vida a don Miguel.

Triste é lermos na voz da Galipedia referida a Rafael Dieste que a obra foi dirixida por “Castelao” que tamén fixo o papel de don Miguel; triste é que quen fai a voz non identifica a  Manoel R. Castelao. Máis triste aínda é que nas edicións da obra da E. Galaxia, a lista das persoas da comedia deixe de estar emparellada, que a nómina de quen a representou por vez primeira sexa amputada. Triste xa que os nomes contan unha historia. Detrás da obra de Dieste e do seu exilio, está 1936, e si hai que volver a ese ano para explicalo, para aprendérmoslles ás novas xeracións quen foi Manoel R. Castelao, curmán do Castelao de Sempre en Galiza, un home que con sete compañeiros e unha compañeira preferiu suicidarse dentro do bou Eva para non caer nas fauces da falanxe. Así é como se amputa a historia e a homenaxe, como mingua a verdade e como temos a obriga de contar tamén o 36, ese anaco que nos seguen a roubar da fiestra.

Comentarios