Opinión

E se eu vos digo que Luísa Villalta escribiu para vós?

Do futuro é do que quero falar, do que ti construíches, LV, sen o saber, escribindo para quen te leu, para quen te le e para quen te vai ler. Agora si que che podo dicir que estás a saír do círculo, ese en que estaban as persoas que escribían e que lían (e non sempre) o que as outras escribían. É certo que é difícil, incluso imposíbel, a día de hoxe encontrar todas as túas obras; por exemplo, eu teño extraviado o libro dos relatos de Silencio, ensaiamos, case inexistente nas bibliotecas, debe ser a túa obra menos lida. O retraso da publicación da túa obra, tan próxima a data do 17 de maio, que semella data de caducidade ou de segunda morte para a homenaxeada vai mudar as cousas; auguro que este retraso permitirá que a venda dos libros adecente a nosa industria editorial e que vivas no futuro para o que escribiches.

Visitei o IES Xosé Neira Vilas de Oleiros, onde impartiches aulas despois de aprobares as oposicións de lingua e literatura galega, de música e fuches Xefa do Departamento. Encontrei na entrada a Samuel Rodríguez, profesor de Lingua. Eli Ríos mostroume a visión da Cidade Alta, desde a fiestra do Departamento. Comuniqueille ao alumnado de 2º de Bach, que ti escribiras para eles, para elas, e tratei de demostrarllo. Había moito tempo que non era tan feliz nunha aula, LV; agora que comprobo que amigas e amigos tomarán a decisión de prexubilarse, vítimas do cansazo e dun traballo que nada ten que ver co que realizabamos con ilusión, para o que aprobaramos unha oposición, o encontro con esta rapazada, á que se uniu un grupo de sete de 1º de ESO, reanimou as miñas forzas. Dixenlles que ao remataren esta etapa, tocáballes loitar para que muden as cousas, tamén no ensino se abrazan esa profesión. Dixenlles que aínda que xa non dispoñan de tempo para ler e te ler pola ameaza das probas de ABAU e a obriga do programa, había que reivindicar a lectura nas aulas. Falamos do teu compromiso, da actualidade da túa obra, da nosa realidade contada nas túas columnas, hai vinte e dous anos, que aí estaban as guerras e a situación de Palestina, faleilles do teu poema, que deixaba para o remate e non deu tempo de ler. Faleilles do teu diálogo coa literatura, con Hamlet, con Ofelia, con Cunqueiro, con Goethe, con Hildegard von Bingen, coas damas que antano cantaron. Mostreilles os teus Haikus e o que considero o mellor caligrama da literatura galega, esa Rota ao interior do ollo e faleilles do cadrado Sator e da túa relación con Portugal, do Prestige e de Man. Falamos da túa Coruña para nós e de As chaves do tempo, de Merlín, do rei Artur e do poema de Morgana.

Atenderon e estableceron un diálogo, estaba Carme Fernández, a súa profesora e David Amboage, vicedirector e profesor de grego, que corrixiu o erro da cita en grego do libro de Ruído que ti, co teu perfeccionismo, corrixiras en cada exemplar das subscritoras de Espiral Maior. O tempo non nos deu para nada, mais pedíronme que lles mandase os textos que non puidemos ler. O alumnado está de 1º de Bach preparou un roteiro sobre a túa obra precioso, andan cun xogo de memoria sobre ti e en 1º de ESO cunha obra de teatro e van vir a Compostela. Eli Ríos, profesora máis que escritora, agora, comunica o entusiasmo que vivimos nós. O alumnado sabe que escribiches para este tempo e para o futuro. 

Comentarios