Opinión

Alba de Gloria en Compostela

Hai 75 anos Castelao leu no exilio o fermoso discurso Alba de Gloria, testamento de amor infinito para o pobo galego. Unha herdanza para toda Galiza. Esa palabra pola que en nós mataron, como ben dixeches, Luísa.

Todas temos maneiras de continuar esa procesión de ilustres e engadirmos nomes para crearmos a nosa alba de gloria persoal, persoas que nos van acompañando, que un día falecen e seguen aí, seres que conforman a nosa educación sentimental, as nosas afinidades electivas, as que comparten espazo na nosa formación coa Teoría de xogos.

O 16 de xullo faleceu Jane Birkin, lembro falarmos dela e de como aos corenta anos decidira curtar o cabelo e vestir como un home, así o dixo. Para que nada desviase a atención da interpretación dos seus temas. Aquel primeiro corpo espido no cinema en Gran Bretaña, no filme Blow- Up (1966) de Antonioni, tapouse. Xa non puidemos falar doutros filmes de Birkin, ese en que se abre na conversa coa súa filla, Jane por Charlotte, nun retrado desde as vísceras. Non puiden vivir nunha estación de tren en Alemaña como me gustaría; na curta, La femme et le TGV, Birken é Elisa, que saúda todos os días cunha bandeiriña suíza, desde a casa que foi estación de tren, o paso do TGV; que vive para ese saúdo e que ten unha panadaría-pastelaría en Monbijou que se vai volver encher de vida cando ela perda ese tren e gañe todos os outros. Unha peza poética que emocionou o meu corazón de viúva amante dos trens, con espertares como o de Mamasunción que marcan o día.

Quen nunca volverán coller o tren xa que a vida se lle tronzou na derradeira viaxe, son as 80 vítimas que viaxaban no traxecto Madrid-Coruña falecidas na curva de Angrois, hai dez anos. Outra ferida na dignidade humana, xa que familiares e amizades aínda agardan que se esclarezan todos os feitos. Queremos saber, sen mentiras nin manipulacións: Por que ocorreu o accidente?
No tren viaxaba a miña amiga Blanca Padín, unha feliz avoa, que desexaba vivir como a muller que saudaba o TGV.

Hai uns días faleceu Sinéad O'Connor, levaba dezaoito meses sufrindo polo suicidio do seu fillo de dezasete anos, Shane. Cantas veces falamos da desesperación que transmitía, desa voz que nos convertía en corpos abertos; cantas veces falamos do imposíbel que nos semellaba curar o trauma do abuso, da violación na infancia. Doe a morte de O'Connor, como doen as vidas mutiladas e roubadas. A fotógrafa Kate Barry, filla de Birkin, tamén se suicidou no 2013, e a nai deixou de anotar a vida.

Goretti Sanmartín Rei é a alcaldesa da nova corporación de Santiago de Compostela, que dotou ao concello dunha celebración propia, na honra e lembranza de Castelao, a Alba de Compostela, que nace para honrar unha procesión laica de persoas vivas, para agradecer o seu traballo, coa Costellatio, Canis Majoris, con Sirius, para nos xuntar na morte e na vida.

No mesmo día da Patria en que ti xantabas na carballeira cos teus, tamén con Pancho e Noli; en que o catolicismo pode celebrar a ofrenda. Un bando que fará historia, anunciaba un día grande e a Alba de Compostela foi un acto solemne, de emoción, delicado. A nosa alcaldesa contestou con amor e convidou a nos querermos, fronte ás terxiversación de quen non sabe, nin deixa, afirmarse no amor das devanceiras.

Birkin, O'Connor, Blanca Padín e ti, Luísa, na miña alba de gloria.

Comentarios