Opinión

Abril dos libros

Vinte anos poden non ser nada ou poden ser toda unha vida. Hai vinte anos era noticia na prensa que o fiscal do Tribunal Constitucional, José María Caballero, ía pedir que se declarase nula a resolución pola que o Parlamento de Galiza acordara disolver o 5 de marzo de 2003 a Comisión de Investigación da Catástrofe do Prestige. Xosé María García Leira, que fora Alcalde de Vilalba, era o presidente do Parlamento, cargo que desempeñou desde o 1997 até o 2005; foi o presidente que ideou a forma para clausurar a comisión, que mandou votar en pleno. É interesante volver a este pasado recente, para lermos na prensa daquela as manobras de Aznar, para que o delegado do seu goberno en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, non comparecese perante a Comisión. Segundo el, legalmente o Parlamento galego non podía chamar a un representante do Estado, xa que pertencía a un rango superior. O BNG e o PSOE como medida de protesta fixeran un plante ante esa medida que non permitía comparecer a representantes e funcionarios do Estado no Parlamento galego;  argumento utilizado polo presidente do Parlamento para disolver a Comisión.

Tamén hai vinte anos, o daquela secretario xeral de Organización do PSOE, Xosé Blanco, argumentou que a cidadanía xa depurara responsabilidades co seu voto e confiaba en que o futuro goberno, o que sería de Zapatero, colaboraría co Parlamento galego para saber como actuar nun futuro en casos como o do Prestige. Argumentou que non se ían comportar de xeito inquisitorial sobre feitos ou formas de actuar do Goberno anterior, xa que ían mirar ao futuro "desde o primeiro día". Abraia esta maneira de rematar cos problemas, sen dar, nin pedir explicacións. Despois do barco, no 2013 acontecería o accidente do tren Alvia, na curva de Angrois, do que ti xa non soubeches, LV, e do que X. Blanco tamén segue a ter moito que explicar.

Vinte anos despois a traxedia do Prestige, podería repetirse, como se repite a ameza contra o territorio galego, co proxecto de Altri, e hai que mobilizarse. Hai que lembrar como o alumnado de ensino medio de toda Galiza acompañado dun profesorado comprometido, abrazou nunha cadea humana a costa e haberá que volver facelo: pérdese a ría e o monte. Pérdese a vida, como se segue a perder en Palestina e por isto hai que moverse, tamén no ensino.

No franquismo chegou a Pontevedra a celulosa, un goberno do PP permitiu que siga aí. É ao PP a quen lle custa nos gobernos que ten con Vox no Estado admitir que o franquismo foi unha ditadura. Poida que tamén a nós, nos custe admitir, a certeza de que o franquismo segue aquí.

Mais eu, LV, quero lembrar o Abril dos Libros de hai vinte anos en Pontevedra que ti ías inaugurar, que na Casa do Concello mudou no "Abril dos libros para Luísa Villalta", en que participei con Susana Trigo, Marica Campo, Pilar García Negro, Eva Veiga, Fernán Vello e Pepe Cáccamo; un acto en que te choramos, en que Susana Trigo, insistía: "Queríamos a Luísa Villalta", queríamoste   alí e querémoste hoxe.

Escribo e celebro os 39 anos da túa primeira aparición pública coma poeta, foi no espazo coordinado por Rivadulla Corcón e Viqui Rivadulla, "Xanela da Lúa", en El Correo Gallego; velaí os teus "Sete Haikus", aínda a poeta oculta no seu violino. Lembro o teu firme convencemento de  que a rede nunca ía rematar cos libros en papel e por isto brindo.

Comentarios