Opinión

Por que o libro galego se vende pouco?

Só 8% dos libros que se venden en libraría están en galego. O catalán acada 30% e mesmo os números do éuscaro superan os nosos. Hai varias razóns que o explican. Algunhas fáciles de adiviñar, aínda que os poderes públicos rara vez as poñan sobre a mesa, salvando algún órgano sectorial de incidencia limitada.

O castelán é un forte competidor e non só polos libros que se producen nesta lingua, senón tamén, e sobre todo, polas traducións. Por se esta desigualdade non fose manifesta, conta coa axuda dos propios medios. Hai pouco, polo día do libro, un diario aconsellaba seis títulos, todos eles en castelán, sen informar de que catro deles estaban traducidos tamén á nosa lingua. Non é o mellor modo de apoiar a pequena industria editorial propia.

Aire para respirar titulou o filósofo Antón Baamonde un dos seus ensaios. O galego non ten aire para respirar e ese é o problema principal. A lingua vehicular do ensino é o castelán. É bo que exista unha materia de galego, como é bo que exista unha de inglés, pero o castelán reserva para si o que vulgarmente chamamos normalidade. O castelán é a lingua das aulas, dos libros, da cafetaría e é a lingua na que se fan os exames. O galego só predomina nos rótulos das portas e nos da fachada.

Nos medios de comunicación, a presenza do castelán volve ser tan poderosa que mesmo parece un logro conseguir que se venda ese 8% que diciamos ao principio. 

"Libres e iguais" di un lema, en aparencia neutro, desa dereita, en aparencia renovada, á que Rueda Valenzuela se apuntou hai xa tempo. Pero onde está a igualdade?  Hai un libro, de Alexandre Peres Vigo, que vén de editarse e que ilustra o pasado destas actitudes. Titúlase Galaicofobia e inclúe un longo historial de casos. 

Por que no radar desa prensa galega, tan necesitada de temas, nunca ou case nunca saen, por exemplo, Rivas ou De Toro? Non resulta estraño? Mentres tanto, desde dobres páxinas e contraportadas dannos a coñecer, de cote, segundas filas da narrativa de Murcia ou de Palencia. 

A literatura galega conta tamén, é certo, con pequenos espazos suplementares nos que exhibir, como nun pequeno museo, o seu encanto local. Nunca vin, en cambio, a un autor/a galego vivo na portada dun diario galego, salvando este no que estás a ler.
Fronte a semellante muro de Berlín, que desiguala tanto as oportunidades de ambas linguas, a literatura galega conta hoxe con máis autores e autoras que nunca e con ben máis títulos publicados. Algo que, en parte, se explica polo avance técnico que permite as tiradas cortas. Hai libros dos que se editan 150 exemplares, agardando pola necesidade dalgunha reimpresión. 

Esas historias literarias na nosa lingua que falan do que somos e do que imaxinamos, conectadas co mundo pero non dependentes del, necesitan espazo para xerminar e medios para crecer. Noutro caso, continuaremos abocados ao heroísmo persoal ou á emigración cara á cultura dominadora, como lle sucedeu a Valle, e onde, de todos modos, nunca foi cabalmente entendido.

Comentarios