Opinión

'El País' na historia recente de España

É un vello lugar común do progresismo dicir que o diario El País foi, desde a morte de Franco, o principal referente cultural da esquerda en España. Pero xa en 1986, no libro El País o la referencia dominante, se facía unha definición máis precisa do seu ideario. Dicíase alí que o xornal, que daquela dirixía Cebrián, era de dereitas no económico, de centro no político e de esquerdas 
no social.

Esta definición valería tamén para o PSOE e case que para toda a socialdemocracia occidental; mesmo, até certo punto, para o Partido Demócrata norteamericano. Desde esta fórmula, defender o dereito ao aborto non impide estar a favor, por exemplo, da privatización da sanidade.

Soledad Gallego Díaz que acompañou o percorrido de El País, case sempre desde postos de dirección, afirmaba, pola súa parte, en 2012, na revista Jot Down: "El País non é un periódico de esquerdas; nunca o foi e nunca pretendeu selo".
Aínda que resulta máis completa a definición do xornalista Xosé Manuel Ponte, en La Opinión, en 2004: "O seu propósito fundacional debeu ser o de constituírse como o periódico da dereita liberal e civilizada, pero acabou por ser a lectura predilecta dos sectores progresistas, que non dispuñan de nada mellor para botarse aos ollos".

No fondo, quizais, isto se deba a que a dereita liberal e civilizada en España chámase PSOE e de aí a confusión.

Javier Valenzuela, que exerceu de cronista, correspondente e mesmo director adxunto en El País, vén de escribir agora un artigo titulado "Felipe e Cebrián". Nel conta que, en 1990, estando en Nova York con Cebrián, este lle confesou que "estaba farto de ser xornalista e que quería ser millonario". Cando Valenzuela lle lembrou que xa gañaba un bo diñeiro, Cebrián, ao parecer, respondeulle que o verdadeiro diñeiro non se contaba por miles, decenas de miles ou mesmo centos de miles de dólares, senón por millóns. Valenzuela di que Cebrián estaba impresionado porque Ted Turner, seu partenaire en CNN+, tiña avión privado, un rancho en Montana, un rabaño de búfalos con miles de cabezas e helicópteros cos que sobrevoar as manadas.

Isto axuda a entender o que veu despois. En 2012, o periódico despedía a 112 xornalistas, os máis veteranos e progresistas, segundo Valenzuela, entre eles el mesmo, porque "viviran por riba das súas posibilidades", ao tempo que o propio Cebrián se adxudicaba un bonus de 12 millóns de euros. A partir de aí impulsou tamén "un xiro dereitista da liña informativa e editorial".
Valenzuela recoñece, non obstante, que Cebrián foi na segunda metade dos setenta e na década dos oitenta " un director audaz, simpatizante coa novidade e bo captador de talento novo".

Agora Cebrián vén de empezar a colaborar nun medio da extrema dereita, pagado coa publicidade de Ayuso e o diñeiro de ricos venezolanos, o que lle valeu o seu despido de Prisa. A primeira entrevista que realizou no novo medio foi a Felipe González. 
Creo que todo isto ten que ver máis que cun periódico. É parte da historia de España.

Comentarios