Opinión

Non só ETA exerceu a violencia

As continúas referencias do PP a ETA dan a impresión de que durante anos só existiu esta organización terrorista como suxeito violento. Desde os grandes medios, incluídos os non afíns ao PP, ninguén parece ter interese en matizar, nin en ofrecer un pouco de contexto, sen o cal é imposíbel entender case nada. Con todo, un pouco de memoria abondaría para lembrar cando os atentados de ETA ocupaban só unha columna nos diarios de Madrid ou cando Martín Villa, despois de dous tráxicos episodios nos que morreran gardas civís e etarras, declaraba: "Gañamos catro tres".

Porén hoxe existen libros que completan a imaxe desa época. En 2004, por exemplo, Alfredo Grimaldos, en La sombra de Franco en la Transición, lembraba que, só entre 1976 e 1980, morreran máis de cen militantes de esquerda en manifestacións e atentados. Os responsábeis foran policías, garda civís e membros da extrema dereita, aos que daquelas se lles daba o nome de "incontrolados".

En 2020, o catedrático Ignacio Sánchez Cuenca, ofrecía xa, en CTXT, unhas cifras máis completas. Entre decembro de 1975 e o mesmo mes de 1982, "as forzas de seguridade acabaron coa vida de 174 persoas", entre as que se encontraban militantes de ETA e do Grapo, pero tamén cidadáns comúns que participaban en protestas. No mesmo período, a extrema dereita asasinaba a outras 57 persoas.

A finais do 2023, Luis Puicercús publica Imborrables. Las víctimas ignoradas de la Transición (1976-1983). Nesta obra documenta 318 mortes por violencia policial ou ultra, 107 delas no País Vasco.

Por outra parte, David Ballester, profesor de historia na UAB, estuda o contexto da época, en Las otras víctimas. La violencia policial durante la Transición (1975-1982). E lembra que en 1982, sete anos despois de morrer Franco, nove das trece xefaturas de policía de España estaban dirixidas por antigos membros da Brigada Político-Social. Ballester recorda tamén que, en 2020, o Goberno de Sánchez negouse aínda a responder, no Congreso, a pregunta polas identidades dos 115 policías franquistas que tiñan condecoracións pensionadas. Tamén, segundo Ballester, entre 1975 e 1982, a policía matou 91 persoas, en casos catalogados como "de gatillo fácil". Practicamente todos os casos quedaron impunes.

Pola súa parte, o xornalista Alejandro Torrús ten sinalado como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou nove veces o Estado español por negarse a investigar torturas.

A información da que estamos dando conta provén, como se ve, de fontes particulares. Non existe documentación oficial que recolla os abusos e mortes producidas polas forzas da orde e a extrema dereita, cos nomes dos responsábeis e das súas vítimas. Con certeza, hai moitos máis casos dos rexistrados por todas estas persoas que investigaron motu proprio.

Nin que dicir ten, por último, que estes crimes, sobre todo os da extrema dereita, estenderon o medo e condicionaron a actividade opositora. Para falar hoxe da violencia é necesario coñecer tamén estas raíces.

Comentarios