sábado 18.01.2020

O clima como xustificación do novo proteccionismo

A importancia da acción humana sobre o cambio climático debe ser medida, como é natural, polos científicos. En todo caso, os danos xerais á natureza están suficientemente probados e a importancia actual da ecoloxía é evidente.

Con todo, moitas persoas fanse, neste momento, a seguinte pregunta: ¿Por qué os poderosos de occidente, que non se preocuparon apenas, salvo retoricamente, pola morte cada ano de milleiros de persoas en todo o mundo, que non teñen comida nin auga nin medicamentos, tomaron agora tanta conciencia sobre o clima?

Unha das respostas podería ser a seguinte: se hai anos a defensa dos dereitos humanos serviu para defender a globalización, hoxe o cambio climático podería ser a xustificación que os países ricos necesitan para aplicar a súa nova política proteccionista.

Por desgraza, as nacións en desenvolvemento non teñen aínda capacidade para crecer sen contaminar, non están na elite tecnolóxica.

O que neste momento as potencias occidentais teñen en estudo é a creación dun imposto ecolóxico para gravar os produtos de países suramericanos, africanos e asiáticos. Será un imposto proteccionista ao que así lle encontran unha xustificación social.

Todos os produtos que se vendan, por exemplo, na UE, deberán levar unha etiqueta coa garantía de ter sido producidos nunhas condicións ecolóxicas que, polo de agora, só poden cumprir certas empresas europeas e norteamericanas. A táctica é antiga. Cando o teu veciño se converta nun competidor perigoso, cambia as regras.

China parece que xa percibiu o sentido desta estratexia e está substituíndo o carbón a toda velocidade, porque ten capacidade para facelo, pero outros países que estaban crecendo levarán un duro golpe.

O caso dos Estados Unidos é, neste sentido, un pouco especial. O vicepresidente da administración Clinton e frustrado candidato á presidencia en 2000, Al Gore, abandeira desde hai vinte anos as políticas mundiais contra o cambio climático. A política de Trump sobre o clima parece responder, en cambio, a intereses electorais. O sector do petróleo e o do carbón son unha das súas bases de apoio.  O actual presidente, aplicando máis o estilo dun empresario que o dun político, toma as súas decisións en función de problemas concretos, pero é case seguro que os próximos presidentes, sexan republicanos ou demócratas, van continuar e incluso incrementar as súas políticas proteccionistas.

A ningún lector ou lectora se lle escapará, non obstante e a maiores de todo isto, que o cambio climático é un tema sutil, como xa o era o dos dereitos humanos na etapa da globalización. Toda persoa progresista se sinte na obriga de esixir o cumprimento das normas constitucionais en Venezuela, o respecto aos dereitos humanos en Irán e o recoñecemento das liberdades civís en Corea do Norte. Pero, ao mesmo tempo, tamén se verá na necesidade de defender a soberanía deses tres países e o dereito que teñen a desenvolver a súa economía sen inxerencias. É dicir, as persoas progresistas móvense neste caso nunha contradición. A propaganda occidental ampárase en argumentos que ningún sector progresista pode rexeitar de plano, co cal os progresistas encontran de entrada unha dificultade para impoñer a súa segunda parte do argumento.

O mesmo sucede agora co cambio climático. Ninguén pode criticar unha política ecolóxica, pero tampouco debe ignorar que esta pode operar como un freo para a maioría dos países e como un acelerador dos privilexios para outros.

O problema central está, nos dous casos, no tempo. Non se lle poden poñer as mesmas normas, por moi boas que sexan, ao mesmo tempo, a persoas ou sociedades que parten de condicións moi distintas. Compartimos a meta, pero a gradación das etapas debe ser diferente, se de verdade defendemos a igualdade. Doutro modo, o que estaremos facendo é unha trampa, iso si, unha trampa sutil, difícil de explicar nos medios de comunicación, sobre todo se só facemos caso dos titulares.

Esta sería a situación neste momento, aínda sen contar con que os países ricos son os máis contaminantes, debido sobre todo ao seu consumismo disparatado e ao seu hábito de exportar a súa propia contaminación a outros países: celulosas a Brasil, lixo electrónico de Alemaña e o Reino Unido que vai parar a Ghana e Nixeria ou grandes multinacionais como Nestlé contaminando a agricultura de varios países coas súas prácticas tóxicas.

Habería que dicir tamén que non hai maior contaminación que a que causan os bombardeos que USA e a UE patrocinan periodicamente nos máis diversos territorios, a maiores da venda de armas na que tamén son líderes.

Unha pregunta por último: os países que agora se reúnen para falar do cambio climático, están dispostos a falar tamén da obsolescencia programada?

O clima como xustificación do novo proteccionismo
comentarios